A CIG-Saúde demanda que se recoñeza como enfermidade profesional o contaxio covid ao persoal das contratas

O Ministerio exclúe o persoal que traballa en centros sanitarios en servizos que foron privatizados

Nacional -

No BOE deste mércores publícase o Real de Decreto Lei 3/2021, do 2 de febreiro de medidas relativas á Seguridade Social para as e os profesionais dos centros sanitarios e sociosanitarios que no exercicio da súa profesión contraeran o virus SARS-Cov-2. A CIG-Saúde denuncia a exclusión do persoal que traballa na sanidade en servizos que foron privatizados e exixe, non só que sexan incluídos, senón tamén a reversión ao sistema público deses servizos.

Así o explica María Xosé Abuín quen denuncia que “o virus non contaxia nin por categoría profesional, nin por vínculo laboral” e demanda que se modifique a redacción do Real Decreto para eliminar o carácter restritivo que para con este persoal ten a norma.

Ademais Abuín manifesta a súa preocupación porque o seu articulado, o R.D. recolle que “os servizos  de prevención de riscos laborais deberán emitir o  correspondente informe no que  se faga constar que, no exercicio da súa  profesión estivo  exposto/a ao virus SARS-CoV-2” e que se acredite “o contaxio do virus no  ámbito da súa profesión”.

Por iso entende que esta norma precisa dun desenvolvemento claro e conciso porque, do contrario, a súa aplicación pode ser “discriminatoria”. Ademais sinala que se descoñecen as instrucións que a Administración vai enviar ao servizos de prevención de riscos laborais para a realización destes informes.

Xunto a isto explica que “todas as dúbidas que nos suscita esta norma, transmitímosllas no día de hoxe ao Ministerio de Sanidade, na reunión do Foro Marco (que é como a mesa sectorial do Ministerio), na que o director Xeral se comprometeu a transmitilas, e á Dirección de  RRHH do SERGAS” e demanda “o correcto desenvolvemento desta RD para que desaparezan os efectos limitativos que ten”.

Volver