A CIG-Saúde denuncia a “situación extrema” das profesionais do centro de saúde da Guarda

Dos oito médicos/as de familia só hai catro en activo na actualidade

A Guarda -

A CIG-Saúde denuncia a situación extrema que están a vivir as profesionais do centro de saúde da Guarda como consecuencia da falta de cobertura do persoal médico con ausencias longas desde hai máis dun ano. Esta situación vén de empeorar aínda máis tras a marcha dun facultativo que accedeu a unha praza noutra comunidade.

Segundo explican dende a central sindical, de oito médicos/as de familia só se conta con catro en activo na actualidade. “Hai cupos que levan máis dun ano sen médico/a de referencia co deterioro na continuidade na atención, o que está a levar a unha situación insostíbel”. Os propios profesionais manifestan que o traballo, tal e como se viña desenvolvendo hai anos coa cobertura de todos os cupos, é asumíbel malia a distancia ao hospital de referencia, “pero non na situación actual, o que non se soluciona con boas palabras senón con persoal”. 

A CIG reclama unha solución á falta de cobertura no centro médico

A situación de sobrecarga inflúe sobre todas as profesionais: enfermaría ve aumentadas as súas funcións e carga de traballo, así como as técnicas/os en coidados auxiliares de enfermaría; as enfermeiras de pediatría veñen asumindo máis traballo pola centralización de Pediatría de Oia e do Rosal neste centro sen verse reforzada ou mellorada a súa remuneración polo aumento de atención de doentes; as PSX tamén viron aumentado o seu traballo, e ademais ven condicionada a citación á cobertura das ausencias por parte da Xerencia.

Ademais, o pasado luns deuse a circunstancia de que unha soa médica tivo que asumir até metade da mañá o traballo do centro de saúde, co temor de que se puidese solicitar asistencia fóra do centro quedando o centro sen asistencia médica.

Tras unha reunión mantida coa Xerencia por parte dos profesionais, “poucas son as alternativas de mellora para esta situación, na medida en que non supón un aumento no cadro de persoal actual e verase condicionado polos movementos que se produzan na toma de posesión da OPE”.

Dobre equipo de PAC

“Como parche, a fin de minimizar a escaseza crítica de efectivos no tramo horario da mañá, encontrouse no peche temporal do tramo da tarde do centro de saúde unha solución parcial”. O posíbel peche temporal polas tardes do centro supón o reforzo das tardes co propio persoal do PAC sen aumentar tampouco o número de profesionais. “Cómpre lembrar a reivindicación que se vén facendo desde fai anos de que haxa dobre equipo de PAC todos os días da semana neste centro e que nestes momentos é mais necesario que nunca”.

Por todo isto, a CIG-Saúde solicita que se solucione o problema de falta de cobertura neste centro, “que é o que ten a situación máis crítica de toda a área sanitaria”, que se reforce enfermaría de pediatría polo aumento de carga derivada da centralización por causa da pandemia e que se contemple o dobre equipo no PAC como medidas para solucionar este problema.

Volver