A CIG-Saúde denuncia o incumprimento do contrato de servizo de transporte sanitario aéreo do 061

Afecta tanto ao helicóptero con base en Santiago, como a que ten base en Ourense
Compostela - 22 Mar 2022

A CIG-Saúde vén de denunciar o incumprimento do contrato de servizo de transporte sanitario aéreo 061, que está prestando servizo durante menos tempo do que ten contratado por falta de persoal.

En concreto a CIG-Saúde sinala que o contrato formalizado en 2019 establece que o período de servizo será todos os días do ano de orto a ocaso e que desde o pasado día 19 de marzo, ese período entre orto e ocaso supera as 12 horas de luz. Porén, o servizo préstase só por 12 horas, ante a falta de pilotos para cubrir todo o horario do contrato.

Este incumprimento afecta, segundo explican, tanto ao helicóptero con base en Santiago de Compostela como ao que ten base en Ourense.

A ese respecto sinalan que hoxe, día 22 de marzo, o día durará 12 horas e 13 minutos e o próximo domingo durará 12 horas e  28 minutos en Santiago de Compostela, sen que se saiba até cando a falta de pilotos suficientes fará incumprir o contrato asinado ente a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 e Eliance Global Services, S.L, concesionaria do servizo.

Ademais do propio incumprimento do contrato, esta circunstancia supón un prexuízo para as usuarias e usuarios do Servizo Galego de Saúde que quedarán privados deste medio de atención ás emerxencias nas últimas horas do día.