A CIG-Saúde denuncia que Feijóo confirma a estratexia do PP para criminalizar as baixas

A central sindical acusa o líder da oposición española de atacar a sanidade pública
Nacional - 09 Xul 2026

A CIG-Saúde considera que as recentes declaracións realizadas polo presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, nas que cualifica o absentismo laboral como “un cancro” e cuestiona que as persoas en situación de incapacidade temporal perciban o seu salario íntegro, supoñen a confirmación da campaña de criminalización que a central sindical leva meses denunciando.

E sinalan que “o que comezou en Galiza da man do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, queda agora refrendado polo máximo responsable do PP a nivel do Estado. Xa non se trata de declaracións illadas: estamos diante dunha estratexia política perfectamente definida que pretende sinalar as persoas traballadoras que se ven obrigadas a coller unha baixa médica e poñer baixo sospeita os profesionais da sanidade pública que as prescriben”. 

O que comezou en Galiza da man do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, queda agora refrendado polo máximo responsable do PP a nivel do Estado

Desde a CIG-Saúde queren deixar claro que unha incapacidade temporal non é absentismo. “Unha baixa médica é unha situación legalmente regulada, avaliada e xustificada por profesionais sanitarios que actúan conforme a criterios exclusivamente clínicos. Confundir deliberadamente ambos os conceptos só busca alimentar o discurso de que detrás das baixas médicas existe fraude, cando quen as autoriza son, na súa maioría, médicas e médicos de familia do Servizo Galego de Saúde”.

Por iso entenden que as palabras de Feijóo constitúen un ataque directo á profesionalidade do persoal sanitario. “Se se afirma que existe un fraude masivo nas baixas médicas, estase acusando implicitamente aos profesionais da sanidade pública de emitir baixas sen fundamento clínico ou de actuar con falta de rigor. É unha desautorización intolerable do seu traballo e un novo intento de desprestixiar un sistema sanitario público que leva anos sufrindo recortes e falta de recursos”.

Pero para a CIG-Saúde as declaracións do líder da oposición española van aínda máis lonxe. Ao cuestionar que as persoas en situación de incapacidade temporal poidan percibir o 100 % do seu salario,” está lanzando unha ameaza evidente contra un dereito que custou anos recuperar”.

E lembran que foi o propio Partido Popular quen, no ano 2012, aproveitando a escusa da crise económica, impuxo recortes que suprimiron o complemento retributivo nas baixas médicas do persoal empregado público, provocando importantes perdas económicas ás persoas que enfermaban. “Tras anos de mobilizacións sindicais e negociación, ese dereito foi recuperado. Agora, cando xa non existe aquela situación económica que utilizaron como xustificación, o PP volve poñelo enriba da mesa. Xa non estamos ante unha decisión motivada pola crise: estamos ante unha posición puramente ideolóxica que pretende castigar economicamente ás persoas traballadoras polo feito de enfermar”. 

Trátase dunha estratexia política que pretende sinalar as persoas traballadoras que se ven obrigadas a coller unha baixae poñer baixo sospeita os profesionais da sanidade que as prescriben

Para a central sindical resulta especialmente preocupante que, ao mesmo tempo que se lanzan estas ameazas, se pretenda abrir un debate sobre o chamado absentismo no marco do diálogo social. “Desde a CIG-Saúde advertimos de que non se pode aceptar un marco de negociación que parte da criminalización das persoas traballadoras e da sospeita permanente sobre quen exerce un dereito recoñecido pola lexislación laboral e sanitaria”.

Finalmente, inciden en que a enfermidade non é fraude, as baixas médicas non son absentismo e os profesionais da sanidade pública non poden ser convertidos en “cabezas de turco” para xustificar futuras políticas de recortes. “Que teñan claro que seguiremos a defender con firmeza os dereitos das persoas traballadoras, a dignidade dos profesionais da sanidade pública e o respecto absoluto á independencia clínica. Non imos permitir que se volvan abrir debates que só perseguen recortar dereitos laborais, culpabilizar ás persoas enfermas e deteriorar aínda máis os servizos públicos”.