O Plan de Cobertura da Atención Primaria no Verán non rematará coas dificultades para cubrir prazas

A CIG-Saúde considera que unhas medidas efectivas deberan ir máis alá da repetición das xa experimentadas o ano pasado e que se revelaron insuficientes
Nacional - 24 Xun 2025

O Consello da Xunta anunciou o 23 de xuño de 2025 o Plan de Cobertura da Atención Primaria no Verán, que repite as propostas do ano anterior e que se centra en actuar sobre as consecuencias das dificultades para cubrir as prazas na Atención Primaria, en lugar de abordar as causas subxacentes desas dificultades.

A CIG-Saúde considera que un plan de cobertura efectivo para o verán debera ir máis alá da repetición de medidas xa experimentadas, “que demostraron non solucionar os problemas de falta de cobertura asistencial en medicina de familia, pediatría e enfermería, especialmente en zonas con aumento de poboación estival ou de difícil cobertura durante todo o ano”. 

Un plan de cobertura efectivo para o verán debera ir máis alá da repetición de medidas xa experimentadas, que demostraron non solucionar os problemas de falta de cobertura asistencial

Entenden na central sindical que para ser efectivo o plan de cobertura precisa dunha análise “rigorosa” da situación real dos centros de saúde, das necesidades de profesionais de todas as categorías e das posibilidades dunha cobertura estábel. E que no caso de que a cobertura non sexa posíbel é “fundamental” analizar as causas e intentar modificalas. Mais se estas medidas non son suficientes, deberan establecerse incentivos “específicos” para cada centro e causa co fin de favorecer a cobertura estábel do maior número de prazas posíbel.

“Este traballo require tempo, razón pola que se lle ten reclamado á Administración sanitaria un Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria, que xa debera ter realizado esta análise, definido as necesidades de profesionais e implementado medidas incentivadoras para garantir a cobertura do persoal e mellorar as condicións de traballo”.

Ao mesmo tempo, dende a CIG-Saúde lamentan que o documento aprobado polo Consello da Xunta -sen pasar pola Mesa Sectorial- insista en medidas como incentivar economicamente o traballo voluntario do persoal do Servizo Galego de Saúde e do 061 fóra da xornada ordinaria para cubrir ausencias nos Puntos de Atención Continuada (PAC). “Isto perpetúa a estratexia de "facer máis con menos", unha consigna que a Consellaría de Sanidade xa empregou no pasado e das que agora se pagan as consecuencias”.

Botan en falta ademais unha “aposta clara” polo modelo de PAC próximos á cidadanía, “o que impide a cobertura de prazas estruturais e a avaliación dos seus plans funcionais para responder ás necesidades actuais”.

Falta de planificación

Tamén censuran que a Consellaría propoña que o persoal residente substitúa o persoal ausente nos centros de saúde, PAC e servizos de urxencias durante o verán, unha medida que xa se aplicou o ano pasado. “A repetición desta acción reflicte unha falta de planificación das necesidades reais e intenta normalizar unha medida que inicialmente se presentou como excepcional”.

E lembran que xa o ano pasado xurdiu a necesidade de clarificar a supervisión dos profesionais en formación que actuarían como adxuntos e como se adaptarían os seus plans de formación para respectar o deber de supervisión e responsabilidade progresiva, segundo o Real Decreto 183/2008. “A falta de claridade nesta supervisión é unha das maiores debilidades da "Encomenda de funcións ao persoal residente no seu cuarto ano de formación"”.

Por todo isto, sosteñen que o Plan non aborda as causas do problema de cobertura, que se estende máis alá das vacacións, “e inclúe a existencia de prazas baleiras, baixas laborais por sobrecarga e a renuncia da Administración a planificar as necesidades reais de profesionais”.