A CIG-Saúde denuncia que o Sergas restrinxirá vacacións de enfermaría na área de Vigo por falta de persoal

A decisión aumentará a carga de traballo e empeorará a calidade asistencial en atención primaria
Vigo - 26 Abr 2022

A CIG-Saúde denuncia que ao Sergas pretende restrinxir unha vez máis a solicitude de vacacións do persoal de enfermaría na área sanitaria de Vigo, como vén facendo nos últimos anos, en lugar de tomar as medidas necesarias para paliar a falta de persoal. En consecuencia, esta decisión aumentaría aínda máis a carga de traballo que padecen as traballadoras/es dos centros de saúde a provocaría un empeoramento da calidade asistencial na atención primaria.

Dende a central sindical lamentan que o Sergas opte por ter restrinxidas vacacións e permisos e por empeorar as condicións de traballo no canto de medidas activas en materia de recursos humanos para paliar o déficit de persoal. De feito, lembran que nos últimos anos veñen sendo máis os meses con restricións no goce de permisos que os que non hai restricións. “Ademais, o persoal eventual segue cunhas condicións de traballo precarias, traballando por días e con alta rotación entre servizo”. 

O persoal eventual segue cunhas condicións de traballo precarias, traballando por días e con alta rotación entre servizo

Todo isto fixo que aumentase a preocupación entre as traballadoras/es dos centros ante a falta de cobertura en atención primaria do persoal de enfermaría e o mantemento da eliminación dos reforzos de costa (enfermeiras/os que se contrataban para asumir o aumento de traballo polo aumento de poboación nas zonas costeiras). “O ano pasado a Xerencia usou o argumento de necesidades de persoal pola vacinación fronte á covid, pero este ano converteuse nun recorte consolidado na atención primaria”.

Neste sentido manifestáronse o pasado venres as traballadoras/es do Centro de Saúde de Cangas, “mais todo indica que non será o único centro afectado”. Outros centros como A Guarda, Val Miñor ou Redondela vían aumentada o cadro de persoal cos reforzos de costa, “aínda que a non cobertura de vacacións en cifras prepandemia podería afectar a todos os demais centros de saúde”.

Cortada perfecta

Dende a CIG-Saúde advirten, unha vez máis, que a falta de cobertura de vacacións e reforzo de costa supón un aumento moi significativo na carga de traballo de enfermaría, que se suma á maior limitación que existe nos centros para poder coller vacacións. “A falta de persoal pode supor un problema de accesibilidade e un deterioro na calidade asistencial, un ano no que parece que as restricións da pandemia se van levantar e e que se vai normalizar a afluencia do turismo, como se vén de percibir na pasada Semana Santa; ao que hai que sumar que moitas das nosas vilas son zonas de paso do Camiño de Santiago e que contamos cun novo ano Xacobeo”.

Finalmente, critican que a covid estea a ser utilizada como a “coartada perfecta” por parte do Sergas para afondar no “deterioro” da Sanidade pública e das condicións de traballo de todo o persoal. “Esiximos polo tanto que se realicen as coberturas de vacacións de enfermaría e dos reforzos de costa”, rematan.