A CIG denuncia que o Grupo Quirón continúa avanzando no desmantelamento progresivo do histórico Instituto Policlínico Santa Teresa da Coruña mediante unha política continuada de externalización de servizos, que está a fragmentar a estrutura do hospital e a deteriorar o seu funcionamento.
Ao longo destes anos, o grupo privado externalizou os servizos de limpeza, mantemento e informática. Posteriormente deu un paso máis coa desaparición do servizo de Urxencias propio do hospital. Os facultativos que prestaban este servizo, contratados directamente por Quirón, foron despedidos e, desde entón, as gardas son realizadas por profesionais dunha empresa externa. Esta decisión adoptouse sen que o comité de empresa recibise información previa sobre unha medida de tanta transcendencia organizativa.
A central reclama que as empresas garantan por escrito os dereitos das persoas 11 traballadoras e aseguren que a externalización non repercuta na atención aos pacientes
Agora, Quirón dá un novo paso neste proceso coa externalización do servizo de Rehabilitación e Fisioterapia, que pasará a ser xestionado pola empresa LUSITANIA SALUD a partir do mércores 15 de xullo. Esta decisión afecta a 11 persoas traballadoras que, a escasas horas da subrogación, descoñecen cuestións básicas sobre a organización do seu traballo: o acceso aos programas informáticos, o sistema de fichaxe ou a coordinación co resto dos servizos que atenden os pacientes.
A empresa LUSITANIA SALUD limitouse a manifestar a súa intención de manter os dereitos laborais, mais a CIG lembra que non se trata dunha cuestión de vontade, senón dunha obriga legal derivada da subrogación, polo que esixe garantías concretas e por escrito sobre as condicións laborais e o funcionamento do servizo.
Para a central sindical, esta externalización non é un feito illado, senón un paso máis na conversión dun hospital integrado nun conxunto de empresas diferentes, “debilitando os cadros de persoal propios e dificultando a coordinación entre servizos”.
Polo que lle esixe a Quirón e a LUSITANIA SALUD que faciliten inmediatamente toda a información pendente, garantan por escrito os dereitos das persoas 11 traballadoras e aseguren que a externalización non repercuta na atención aos pacientes. “Continuaremos vixiando o proceso e adoptaremos as medidas sindicais e legais necesarias para defender os dereitos do persoal e denunciar o desmantelamento progresivo do Instituto Policlínico Santa Teresa.