A CIG-Saúde do Barco denuncia o constante deterioro do hospital comarcal de Valdeorras

Critica que o centro estivese esta pasada fin de semana sen servizo de traumatoloxía de garda
Valdeorras - 18 Out 2021

A federación de Saúde do Barco vén de denuncian o constante deterioro que padece o hospital comarcal de Valdeorras, até o punto de encamiñarse cara a “irrelevancia asistencial”.

Dende a CIG-Saúde critican que esta pasada fin de semana o centro médico valdeorrés non contase con servizo de traumatoloxía, “polo que xa non parece imprescindíbel ter un especialista de garda neste distrito, debendo aceptar que só poderemos aspirar a enviar directamente os pacientes a Ourense”. 

Chaman a participar nas concentracións dos mércores e na manifestación

Na central sindical consideran inadmisíbel esta situación e chaman á poboación do distrito a secundar as concentracións convocadas todos os mércores ás 12:00 horas diante do hospital “e sobre todo a participar na manifestación na defensa e recuperación dos servizos e recursos sanitarios perdidos no noso distrito”.

Lembran que a data desta mobilización, que terá lugar antes de que remate o ano, será anunciada proximamente. Para rematar, instan a Xerencia da área sanitaria á inmediata cobertura da garda de traumatoloxía no distrito sanitario de Valdeorras.