A CIG-Saúde pon en marcha unha campaña pola “recuperación dos dereitos roubados”

Pide a negociación dun Plan Plurianual no Sergas
Compostela - 09 Set 2016
A federación de Saúde da CIG vén de poñer en marcha unha campaña en demanda de que as traballadoras e traballadores da sanidade pública galega recuperen os seus dereitos “roubados”. Subliña que o novo Goberno galego que saia das eleccións do vindeiro 25 de setembro debe afrontar os problemas da sanidade pública e das/os traballadoras/es do Servizo Galego de Saúde (Sergas) con transparencia na xestión, priorizando os intereses públicos e eliminando o concepto de que “a sanidade é un negocio”.

A CIG-Saúde sinala que a sanidade pública e as traballadoras e traballadores que nela prestan os seus servizos “necesitan dun goberno que atenda as necesidades da poboación e do seu persoal”.

Por iso aposta por que iso se concrete mediante a negociación dun Plan Plurianual que posibilite a recuperación dunha sanidade pública sen recortes e sen privatizacións, en paralelo coa recuperación dos dereitos do seu persoal.

Respecto das prioridades para a sanidade pública galega salienta entre as súas principais demandas: a recuperación do hospital de Vigo; o Plan Mellora de Atención Primaria; o Plan galego de Saúde Mental e Drogodependencias; o Plan Integral da Saúde da Muller; a eliminación dos copagos e privatizacións; a constitución dos Consellos de Saúde da Área e a eliminación de Galaria e das Axencias.

Canto aos dereitos das traballadoras e dos traballadores, reclama un plan de emprego; carreira profesional; recuperación do acordo retributivo 2008-2012; recuperación do 100% do salario en I.T; negociación dun acordo de permisos e licenzas; a xornada de 35 horas e estabilidade do persoal investigador.