A CIG-Saúde presenta denuncia na Inspección polas elevadas temperaturas no Centro de Saúde de Viveiro

A Xerencia, coñecedora desta situación, non adoptou medidas

Viveiro -

A CIG-Saúde da Mariña presentou denuncia na Inspección de Traballo de Lugo por unha posíbel infracción en materia de seguridade e saúde, e en cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais, polas deficiencias estruturais en determinadas consultas do Centro de Saúde de Viveiro. Neste centro rexístranse,  principalmente na época estival, unha temperatura media de entre 29 e 31 graos centígrados en determinadas consultas, “o que incumpre a normativa legal vixente sobre as máximas autorizadas non só nun centro asistencial, senón en calquera lugar de traballo”.

Apuntan que hai cinco consultas afectadas, así como a sala de xuntas (onde se realizan actividades grupais, reunións de equipo e tamén se usa como área de descanso). Esta excesiva calor, que supera o máximo estimado para o risco de tensión térmica (a partir de 27º C), está a afectar a traballadores/as, pacientes e usuarios/as, e existe un risco potencial de desmaio por estas altas temperaturas.

A Xerencia non dá solucións

Ademais, apunta a CIG-Saúde, segundo a normativa legal vixente, a temperatura en centros onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas e tarefas similares deberá estar comprendida entre 17 e 27º C, e naqueles onde se fagan traballos lixeiros entre os 14 e 25ºC. “Os e as profesionais levan tempo demandando unha solución para unha situación que se repite todos os veráns”, subliñan, ao tempo que sosteñen que “a Xerencia de Lugo-A Mariña-Monforte é coñecedora do que está a acontecer , mais até agora non ofrecer nin resposta nin solución”.

Detallan que segundo o Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo -dependente do Ministerio de Emprego-, “unha temperatura inadecuada, e máis se é superior aos 27ºC, pode producir catarros, molestias e incomodidade aos traballadores/as, afectando o seu benestar, á execución das súas tarefas e ao seu propio rendemento laboral”.

Adaptar as fiestras e equipos de climatización

As actuacións, segundo detalla a CIG-Saúde, pasarían pola adaptación das fiestras, instalación de equipos  de climatización, e estores para diminuír a temperatura. Equipamento que segue sen executarse.

Ante a falta de medidas, a central nacionalista acordou presentar a denuncia na Inspección para que proceda a realizar os requirimentos por incumprimento da normativa e á adopción das medidas legais oportunas, “e así dese xeito, a Xerencia de Lugo (de quen depende a Atención Primaria e Centros de Saúde) solucione as deficiencias estruturais para evitar os problemas de saúde do persoal, xa que na consulta de saúde pública dependente da Xunta tomáronse medidas instalando climatizador, namentres que nas consultas dependentes do SERGAS persiste o problema”.

Volver