A CIG-Saúde rexeita cunha protesta o peche da cafetaría do hospital Nicolás Peña de Vigo

A central reclama que se barallen alternativas para garantir a continuidade deste servizo
- 12 Xul 2023

Ao berro de “non ao peche da cafetaría” traballadores/as, pacientes e usuarios/as do hospital Nicolás Peña de Vigo mobilizáronse hoxe para rexeitar o peche deste servizo. A protesta, convocada pola CIG-Saúde, tivo lugar na entrada exterior da propia cafetaría a partir das 11:00 horas.

Dende a central sindical denuncian a falta de información a respecto dunha decisión importante como é o peche dun servizo externo que é de uso tanto por parte do persoal como de doentes e familiares.

“Ademais é de destacar que, dadas as características do centro, este servizo cumpre tamén unha función terapéutica na medida en que se trata dun espazo para a socialización e a convivencia dos doentes”, sinalan.

Por esta razón a CIG-Saúde demanda que se valoren por parte da Xerencia alternativas para evitar o peche da cafetería, “que poderían pasar incluso por un modelo de autoxestión deste servizo”.