A CIG-Saúde rexeita o Plan de Continxencias Covid presentado polo Sergas

Denuncia que basea a loita contra a pandemia en “persoal cunha precariedade laboral indecente”
- 13 Nov 2020

A CIG-Saúde denuncia que a consellaría de Sanidade presentou, na mesa sectorial celebrada esta mesma mañá, un plan de continxencias Covid sen ter feito un informe no que se avaliaran as necesidades de persoal da sanidade pública galega; que “se non se avalían as necesidades, non se recoñece o problema e non se poñen solucións” e que todo o plan está baseado en contar con persoal “nunhas condicións de precariedade laboral indecentes”.

Lembra que a CIG-Saúde xa solicitara este plan de continxencia na mesa sectorial do mes de xullo, incidindo na importancia de tomar como referencia o acontecido na primeira vaga de COVID, para así poder coñecer as necesidades de persoal e ter unha previsión para a seguinte vaga. Un plano que debería ter estado negociado e publicado xa en setembro e que, porén, non se presentou até hoxe.

Precariedade laboral

Abuín denuncia que o SERGAS pretende facer fronte á covid a custo de manter ao persoal en condicións precarias, sen garantir contratos estables ou dunha duración mínima para todo o persoal. Contratos para os que, por outra banda, “non se garante que sexan ofertados seguindo a rigorosa orde de puntuación nas listas de contratación temporal”, asegura.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde tamén é de suma gravidade que neste plan, lonxe de contemplar medidas que permitan ao persoal exercer o dereito á conciliación familiar, o único que contemplan son “medidas de dispoñibilidade absoluta e penalizacións”.

Ademais o plan tampouco recolle ningunha medida que permita eliminar a situación que están a sufrir as áreas administrativas dos centros de saúde.

CIG-Saúde exixe que rematen os contratos por quincenas e meses

Fronte á proposta do SERGAS, a CIG-Saúde presentou unha serie de alegacións entre as que se contemplan contratos de duración mínima de 6 meses para todo o persoal e para cubrir todas as unidades e ámbitos. Contratos ofertados pola lista de contratación e que deben incluír tamén a oferta de nomeamentos de interinidade para cubrir as vacantes existentes.

Xunto a isto demandou a negociación inmediata dunha orde de vínculos que recolla contratos estables e de longa duración porque, segundo explicou a secretaria nacional da CIG-Saúde, “non serve de nada negociar unha orde de vínculos se o SERGAS non muda a súa política de contratacións”.

Para a central sindical é imprescindible que se contrate pola causa e duración pola que se motivou o contrato e que se deixen de fragmentar os contratos en quincenas e meses.

Ademais, entende que é necesario que se proporcione formación presencial para todo o persoal, computada como xornada de traballo e urxente que se solucionen os problemas das áreas administrativas de atención primaria.