A CIG-Saúde volve advertir da falta de roupa de lencería no HULA que condiciona a atención sanitaria
A CIG-Saúde quere denunciar, unha vez máis, a falta de subministro de roupa de lenzaría que sofre o Hospital Lucus Augusti (HULA). Esta problemática, que non é nova, vén derivada da decisión de privatizar un servizo que antes se prestaba no antigo Hospital Xeral e que desde o ano 2010 pasou a unha empresa privada localizada na Coruña.
As traballadoras atópanse coa continua falta do material necesario para un correcto funcionamento tanto das consultas como das plantas de hospitalización “xa que a ausencia de roupa de cama ou de sabas para cubrir as padiolas é algo común durante todos estes anos”, denuncia David Vázquez, secretario comarcal da CIG-Saúde.
A central sindical considera contraditorio que por unha banda desde a Xerencia se publicite unha política de protección do medio ambiente “e que por outra banda a roupa de uso das persoas pacientes teña que recorrer diariamente centos de quilómetros para chegar ao hospital”.
CIG-Saúde xa denunciou esta problemática en numerosas ocasións “e o único que fixo a Xerencia foi buscar solucións apresuradas e temporais que o só alongan unha posíbel solución real”.
Por iso, CIG-Saúde esixe que se tomen as medidas necesarias para rematar “dunha vez por todas” con esta situación que se repite no tempo.