A CIG-Saúde denuncia o desleixo do SERGAS na negociación do II Plan de Igualdade. Lembra que a comisión negociadora se constituíu hai máis de un ano e que o SREGAS nin sequera aportou os datos necesarios para analizar a situación.
A responsábel de Mulleres e Igualdade da CIG-Saúde, Irene Tato, critica as escasas reunións mantidas até o de agora. Sinala que o único que se fixo neste período foi un regulamento interno e unha avaliación final do plan anterior, que aínda foron aprobados na última reunión celebrada neste mes de xuño. E subliña que estes documentos non foron avalados pola CIG-Saúde por non contar cuns mínimos indispensábeis e non ter en conta as súas alegacións e propostas.
Para Tato é incomprensíbel que unha empresa pública “incumpra a normativa en igualdade, perpetúe a falta de transparencia e vulnere dereitos básicos das persoas traballadoras”.
Por iso considera que a negociación do II Plan de Igualdade é urxente e que o Sergas ten que rematar coa súa falta de negociación sistemática, porque “as persoas traballadoras, seguen sufrindo un crecente deterioro nas condicións laborais, como a sobrecarga, as diferenzas retributivas, problemas de conciliación familiar, denegacións de permisos, e sen facerse efectiva a perspectiva de xénero no ámbito da seguridade e a saúde laboral”.
A pesar de que o Sergas marcou para o vindeiro mes de xullo unha nova reunión na que se comprometeu a aportar os datos precisos para a realización do diagnóstico, a CIG-Saúde advirte de que se tomarán as medidas de presión que fagan falta, se non se aporta a documentación pertinente, para continuar cunha negociación real do plan de igualdade, na que se materialicen medidas efectivas que melloren as condicións do conxunto das persoas traballadoras do Sergas.