A CIG segue coas protestas contra a represión sindical na Autoridade Portuaria de Vigo

O vindeiro día 18 terá lugar o xuízo pola negativa a permitir que a central estea representada no consello de administración
Vigo - 31 Xan 2020

A CIG continuou hoxe coa campaña de mobilizacións para denunciar que a Autoridade Portuaria de Vigo (APV) segue a impedir que a central teña representación no consello de administración do ente estatal a pesar de ser a forza maioritaria no comité de empresa.

O vindeiro día 18 de febreiro terá lugar o xuízo tras a denuncia presentada pola CIG a raíz da negativa do organismo público a que un representante da central se sente no órgano de dirección, tal e como aconteceu até o de agora no caso dos sindicatos máis votados e igual que acontece noutras Autoridades Portuarias galegas.

Por este motivo, dende a CIG seguen a esixir a dimisión do presidente da APV, Enrique López Veiga, así como a reclamarlle a CCOO que obrigue ao seu delegado a abandonar o consello de administración “porque non sabemos a quen representa”.