A CIG segue esixindo un marco enerxético xusto para a industria e unha tarifa eléctrica galega

A imparábel escalada de prezos evidencia a falta de políticas públicas e a insuficiencia do estatuto electrointensivo

Nacional -

A CIG retomou este xoves as mobilizacións para esixir un novo marco enerxético que avance na creación dunha tarifa industrial máis xusta, estábel e predicíbel que permita rematar coa incerteza e as constantes ameazas á continuidade produtiva e aos empregos no sector electrointensivo. A protesta, na que participaron delegados e delegadas da central en Alcoa, XEAL, Ferroatlántica, Megasa, Celsa Atlantic e AluIbérica, desenvolveuse diante da Delegación do Goberno na Coruña, nun día no que o prezo da luz volveu marcar un récord histórico, agora baixo a escusa do encarecemento do gas natural.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a alza imparábel do prezo do MW/h evidencia, dunha banda, a falta de políticas públicas que garantan o dereito á enerxía como un ben básico, e doutra que o estatuto para o consumidor eletrointensivo aprobado polo goberno español é insuficiente e non achega solucións a un sector cun enorme peso na zona norte de Galiza.

Carril lembrou que a CIG foi a primeira organización que presentou unha proposta con seis medidas para a creación dunha tarifa eléctrica para a industria electrointensiva, defendendo unha regulación máis xusta, estábel e con variacións predicíbeis, que recoñeza o estatuto específico deste sector. "Moitas  das nosas propostas seguen sendo plenamente válidas e adecuadas e, de feito, algunhas delas foron asumidas polos gobernos, pero de maneira moi parcial. Por esta razón, temos que seguir reivindicando a urxencia na aprobación desas medidas, xa que cada día que pasa camiñamos a unha crise máis profunda", advertiu.

Afóndase a crise industrial

Estas ameazas á continuidade dos postos de traballo e da actividade produtiva danse ademais no contexto da grave crise industrial, en plena ofensiva colonizadora enerxética de renovábeis e cando en Galiza exporta unha media do 30% da electricidade que produce.

"Os gobernos están financiando e axudando a regular a chamada descarbonización para facerlle o lavado verde ás grandes compañías, mentres pechan empresas, se desmantelan os sectores produtivos, avanza a desertización industrial en moitas comarcas de Galiza e seguimos sendo vítimas da emigración", denunciou o secretario xeral da CIG.

Apunta que nesta realidade, as empresas e a patronal da industria electrointensiva aproveitan para recortar produción, aplicar ERTE, recortar dereitos laborais e salariais, ameazar a continuidade dos empregos e non facer os investimentos necesarios nas fábricas.

Por iso, con esta concentración a CIG dá inicio a un novo calendario de mobilizacións que se suman as accións de protesta e ás iniciativas que a central vén realizando para esixir políticas públicas unha tarifa eléctrica galega que permita abaratar o prezo da luz e pór a produción de enerxía ao servizo do benestar social, do noso desenvolvemento económico, a creación de emprego e a industrialización.

Volver