A CIG seguirá mobilizándose para esixir ao Goberno que aprobe o estatuto electrointensivo e denunciar os abusos das empresas

A central levou as protestas este xoves até a fábrica de Celsa Atlantic na Laracha

A Laracha -

A CIG continuou esta tarde co calendario de mobilizacións para esixir a aprobación inmediata do estatuto do consumidor electrointensivo que o novo Goberno español segue atrasando sen razón. Tal e como lembrou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na concentración realizada ás portas da fábrica de Celsa Atlantic na Laracha, este estatuto non resolverá a todas as reivindicacións da central sindical para a industria electrointensiva, pero a súa posta en marcha resulta imprescindíbel para rematar coa agonía na que está sumida cada unha das fábricas deste sector e para frear os intentos de desmantelamento da nosa industria.

 "Ante a grave crise industrial, o Goberno español non pode adiar máis a aprobación deste estatuto e o lóxico sería que a súa posta en marcha se  tratara na reunión extraordinaria do Consello de Ministras/os deste venres", aseverou. Carril lembrou que hai propostas concretas e alternativas enriba da mesa, como a elaborada pola CIG dende hai máis de un ano, e agora que o Goberno está en plenas funcións "xa non ten escusas para non polas en marcha".

As empresas aproveitan para aplicar axustes

Paulo Carril denunciou tamén os abusos por parte das empresas que pretenden aproveitarse da falta dunha tarifa industrial para, baixo a escusa do elevado prezo da enerxía, aplicar axustes que van dende as regulacións temporais de emprego até os recortes salariais ou os descolgues de convenio, ao tempo que deixan de facer investimentos nas fábricas, ameazando deste xeito a continuidade dos postos de traballo e da produción. "É totalmente inxusto que por parte das empresas se pretende superar esta situación sobre o lombo dos traballadores e das traballadoras", criticou.

Esta tamén é unha das razóns polas que a CIG decidiu, tras da concentracións realizadas diante da Delegación do Goberno na Coruña, retomar as protestas por unha tarifa eléctrica nas fábricas afectadas, como Celsa Atlantic, onde a dirección ameaza cun ERE temporal.

Pero os problemas esténdense ao conxunto das electrointensivas: Ferroatlántica efectivou onte o ERTE na planta de Sabón; Alu Iberia (antiga Alcoa da Coruña) continúa coa  electrólise parada e polo tanto cos empregos no aire; na fábrica de Ferroatlántica de Cee, esta mesma mañá a dirección anunciaba a parada do forno 13 ao longo deste ano; sen esquecer a incerteza que existe sobre Alcoa San Cibrao.

"Este crítico panorama esixe actuacións, por iso dende a CIG seguiremos a mobilizarnos para  denunciar a incompetencia do Goberno e demandarlle que aprobe as medidas necesarias, mais tamén para denunciar os abusos das empresas", afirmou Carril. Nesta liña, Agustín Méndez, presidente do comité de Celsa Atlantic (CIG), apuntaba que "imos defender os intereses dos traballadores e das traballadoras, o mantemento da nosa industria e a aprobación do estatuto, pero non imos saír á rúa para defender os intereses das empresas cando intentan aplicarnos medidas en contra dos nosos dereitos".

A mobilización é o camiño

Carril insistiu en que foi a mobilización permanente a que conseguiu que, nas negociacións para a investidura de Pedro Sánchez, boa parte das reivindicacións da CIG a respecto da tarifa industrial se viran plasmadas no acordo asinado entre PSOE e BNG: eliminación das peaxes que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, que en ningún caso serán imputábeis a factura que pagan o resto dos/as consumidores; máxima compensación de CO2 permitida pola UE e con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado; esixencia ás empresas de investimentos nas fábricas e garantías de manter e ampliar os postos de traballo; calendario de constitución dunha mesa tripartita permanente para avaliar a situación da industria electrointensiva e do emprego; etc.

Sobre o alto custe da enerxía, o secretario xeral da CIG non quixo deixar de sinalar a responsabilidade das eléctricas "que funcionan en réxime de oligopolio, impoñendo un prezos elevados, cun descontrol absoluto porque os Gobernos non exercen as súas competencias". Unha circunstancia que cualificou que intolerábel nun país con Galiza, pois a pesar de ser gran produtora e excedentaria na produción da enerxía, polos altos custes "se nos impide crear industria e emprego na nosa terra".

Volver