A CIG-Servizos denuncia a “irresponsabilidade” do Concello de Redondela na xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cuxo contrato con Idades, a empresa concesionaria, rematou o pasado 1 de xuño, provocando os primeiros impagos de salarios ao persoal.
A situación prodúcese unha vez que o pleno municipal rexeitou a prórroga dun ano proposta polo Goberno local, polo que as persoas traballadoras están a prestar servizo co contrato caducado. Consecuencia disto, a día de hoxe non todo o cadro de persoal, integrado por 65 persoas, cobrou a nómina do mes de xuño.
A central insta o Goberno local Concello a asumir as súas responsabilidades na prestación do servizo, “rescatándoo das mans privadas e encargándose da xestión directa”
Dende a CIG solicitaron unha xuntanza coa Alcaldía e Servizos Sociais hai xa un mes para abordar o futuro do SAF, “da que aínda non tivemos resposta”. Polo que esixen que se aclare a situación na que se atopa a relación contractual e o estado de redacción dos pregos de condicións do concurso de licitación do servizo.
“A irresponsabilidade por parte do Goberno local na xestión do SAF non pode afectar ao desenvolvemento do traballo prestado polo persoal, como tampouco xerar incertezas entre as persoas usuarias deste servizo esencial”, sinalan dende a central sindical.
E adiantan que en caso de que esta situación persista no tempo, a CIG adoptará as accións que considere oportunas, “trasladando o malestar das persoas traballadoras, así como a posíbel desatención da prestación do servizo, cuxa responsabilidade recae no Concello e na súa máxima representante, a alcaldesa Digna Rivas”.
Polo que agardan que a situación se solvente canto antes e que o Concello asuma as súas responsabilidades na prestación do servizo, “rescatándoo das mans privadas e encargándose da xestión directa”.
Problemática similar noutros concellos
Ao mesmo tempo, sinalan que outros concellos da comarca de Vigo nos que presta servizo a empresa Idades están a rexistrar tamén atrasos no pago de salarios de forma habitual, como é o caso de Bueu, Tomiño, Covelo, situación que xa foi denunciada pola CIG diante da Inspección de Traballo.