A CIG-Servizos denuncia a decisión da dirección de Correos de obrigar as empresas concesionarias do servizo de limpeza a modificar a organización do traballo nas oficinas durante o período electoral, impoñendo que o persoal realice as súas tarefas en horario de apertura ao público e esixindo a entrega das chaves das instalacións aos responsábeis das oficinas.
A organización sindical considera esta medida “inxustificada, desproporcionada e prexudicial” para as persoas traballadoras, xa que implica unha alteración das condicións nas que veñen desenvolvendo o seu traballo, sen que se achegue unha explicación suficiente que aclare a necesidade de adoptar unha decisión destas características, e entende que “as empresas non se deben prestar a estas imposicións para non ser cómplices desta medida abusiva”.
A polémica pública sobre as acusacións e sospeitas de posíbeis manipulacións do voto por correo, promovidas desde sectores da dereita e da ultradereita, non pode servir de pretexto para trasladar desconfianza sobre as persoas traballadoras
A CIG critica especialmente que Correos se ampare no contexto electoral e nas supostas razóns de seguridade para adoptar unha medida que afecta directamente ao persoal de limpeza. “A polémica pública sobre as acusacións e sospeitas de posíbeis manipulacións do voto por correo, promovidas desde sectores da dereita e da ultradereita, non pode servir de pretexto para trasladar desconfianza sobre as persoas traballadoras nin para cuestionar, de maneira implícita, a súa profesionalidade e responsabilidade”.
Neste senso, a organización sindical tamén denunciou recentemente as críticas e insinuacións que poñen en cuestión a limpeza e a transparencia do proceso electoral a través do voto por correo. “A defensa das garantías democráticas ten que facerse con rigor e sobre a base de feitos contrastados, non mediante sospeitas que poidan acabar afectando inxustamente a persoas traballadoras alleas a esa polémica”.
A CIG considera aínda máis grave o feito de que unha decisión presentada como unha cuestión de seguridade acaba tendo consecuencias laborais directas para as persoas traballadoras máis precarizadas. De feito, o maioría do persoal de limpeza son mulleres que prestan servizo a tempo parcial e completan a súa xornada en distintos centros de traballo. “A imposición de novos horarios pode obrigalas a reducir a súa xornada, perder horas de traballo e ingresos, ademais de dificultar gravemente a conciliación da vida laboral e familiar”.
Máis alá dun simple cambio organizativo
De xeito que a decisión comunicada pola dirección de Correos non constitúe un simple cambio organizativo, “senón unha medida que pode repercutir na xornada, nos salarios e na vida cotiá dun colectivo que xa sofre unhas condicións laborais marcadas pola parcialidade e pola necesidade de compatibilizar varios empregos”.
En consecuencia, considera inadmisíbel que se utilice o proceso electoral para xustificar decisións que prexudican as condicións de traballo sen explorar alternativas que garantan a seguridade das oficinas e, ao mesmo tempo, respecten os dereitos laborais do persoal de limpeza. Polo que manifesta o seu rotundo rexeitamento a esta decisión e advirte de que a combaterá “até as últimas consecuencias”, tanto polas repercusións que pode ter sobre as persoas traballadoras como pola falta dunha xustificación convincente para modificar un sistema de traballo que viña funcionando con normalidade.
Finalmente, esíxelle á dirección da empresa postal pública que rectifique e que deixe sen efecto esta imposición, respectando as condicións laborais do persoal de limpeza. “A seguridade non pode converterse nunha escusa para recortar xornadas, reducir ingresos ou dificultar a conciliación familiar, nin para poñer en cuestión a responsabilidade dun colectivo que presta un servizo esencial nas oficinas de Correos”.