A CIG-Servizos duplica a súa representación nos supermercados Gadis da provincia de Pontevedra

A central pasou de 2 a 4 representantes no comité
Pontevedra - 28 Xun 2019

A federación de Servizos de CIG foi quen de duplicar a súa representación no comité de empresa dos supermercados Gadis da provincia de Pontevedra a pesar dos atrancos da dirección. Nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar a central pasou de 2 a 4 delegados/as grazas ao importante incremento de votos que rexistrou a súa candidatura.

Dende a CIG-Servizos salientan precisamente o aumento dos apoios entre o cadro de persoal de Gadis, “Algo moi difícil nunha empresa na que somos perseguidos/as sindicalmente, só hai que lembrar que nas primeiras eleccións a dirección fixo todo o posíbel para intentar evitar que presentásemos candidatura”. 

Tras o proceso a central convértese na segunda forza sindical en Gadis

Pero grazas ao traballo feito neste tempo pola federación de forma coordinada cos representantes sindicais de Gadis posibilitou un incremento porcentual de votos moi importante (dos 69 obtidos en 2015 aos 144 actuais), sobre todo tendo en conta que o comité pasou de 17 a 21 membros.

Deste xeito a central sitúase como segunda forza sindical na empresa con 4 delegados/as -unicamente por detrás da USO (9 representantes)- tras arrebatarlle esa posición a CCOO, que sumou 3 delegados/as. A representación no comité complétase con 2 delegados/as da CGT e outros/as 2 da UGT.

Finalmente, dende a federación de Servizos salientan o feito de que a CIG teña a maioría da representación no convenio provincial de Alimentación, “porque supón negociar con máis garantías para incrementar os salarios e lograr dereitos sociais”.