A CIG-Servizos faise coa maioría absoluta nas eleccións sindicais dos supermercados Froiz da provincia de Pontevedra
A federación de Servizos da CIG gañou con maioría absoluta as eleccións sindicais que se veñen de celebrar en Distribuciones Froiz de Pontevedra, que agrupa os supermercados da provincia, ao obter 12 dos 23 representantes que se escollían no comité de empresa.
A central nacionalista foi a forza máis votada tanto no colexio de especialistas como no de técnicas/os e administrativas/os ao obter un total de 788 votos dos 1579 emitidos. No primeiro dos colexios fíxose con 8 representantes (513 votos), mentres que UGT sumou 3 delegadas/os (162 votos), CGT 1 (91 votos), USO 1 (77 votos), CCOO 1 (67 votos) e CUT 1 (52 votos).
No colexio de técnicas/os e administrativas/os a CIG logrou 4 dos 8 representantes que se escollían (275 votos), fronte ao única/o delegada/o que obtiveron cada unha das forzas restantes: USO (97 votos), UGT (93 votos), CCOO (55 votos) e CGT (50 votos).
Dende a CIG-Servizos salientan o feito de que se trata da primeira maioría absoluta que a central consigue en Distribuciones Froiz, “facendo non só que sexamos o sindicato maioritario senón tamén que este número de delegadas/as se incrementase para o cómputo da negociación do convenio de alimentación de Pontevedra, onde temos unha presenza moi decisiva”.
Ao mesmo tempo, inciden en que a ampla maioría de traballadoras/es que optaron por apoiar a candidatura da CIG fíxoo porque a central foi a única forza sindical que presentou denuncias e se mobilizou cando houbo despidos. “Agradecémoslle a todo o cadro de persoal a súa confianza, porque dos 2000 traballadoras/es que conformaban o censo votaron un total 1579, obtendo a CIG unha porcentaxe moi importante”.