• Nova

A CIG inicia unha campaña de protestas para reclamar condicións dignas para o persoal de Axuda no Fogar

Desenvolveu concentracións hoxe diante de Atendo e Clece en Vigo
Vigo - 27 Abr 2022

A CIG-Servizos iniciou hoxe unha campaña de mobilizacións para reclamar condicións laborais dignas para o persoal dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), con protestas diante das instalacións das empresas Atendo e Clece en Vigo. A central sindical anunciou recentemente que non continuará a participar na negociación do convenio colectivo do sector mentres non se actualicen os soldos co incremento do 6,5% do IPC de 2021 en todos os conceptos económicos do actual convenio.

Dende a CIG explican que na primeira xuntanza negociadora insistíronlle ao empresariado -tal e como se acordara nas asembleas de delegadas/os celebrados pola central sindical- a necesidade de actualizar as táboas salariais de 2022, “pero negáronse a facelo”. A esta proposta da sumáronse tamén o resto de sindicatos que participan da mesa de negociación.

Nese encontro a patronal propuxo unha nova reunión, á que levarían unha proposta económica para toda a vixencia do convenio. “Ante isto, deixamos claro que non nos conformamos só cun incremento económico, senón que hai que incorporar cuestións que necesita o sector como reducir a xornada, regular os descansos ou percibir o 100% do salario en caso de incapacidade temporal”.

O 6,5% non se negocia

Dende a CIG sinalan que na información feita pública por CCOO e UGT tras esa primeira xuntanza co empresariado sostense “todo o contrario” do que mantiveron na sinatura da acta, “porque a pesar de apoiar a nosa posición inicial alegan que van participar nesa nova reunión amparándose nunha convocatoria do Consello Galego de Relacións Laborais; convocatoria que este organismo non fixo, xa que esa proposta vén reflectida no terceiro punto da acta”. <<A parte empresarial manifesta a súa vontade de continuar coa negociación do III Convenio Colectivo e traslada que na vindeira xuntanza, que propón que teña lugar o 29 de abril de 2022, traerá unha proposta económica para toda a vixencia do convenio>>.

Dende a central sindical reiteran que non van asistir a esa ou a outras reunións de negociación mentres non se lles pague a todas as traballadoras/es o 6,5% que lles corresponde. “Non se pode negociar un novo convenio cando non cumpren o actual; o 6,5% non se negocia, actualización salarial xa”.

Por iso apostaron por iniciar un calendario de mobilizacións que comezou hoxe coas concentracións diante de Atendo, na rúa Zaragoza, e de Clece, na praza de América, onde despregaron unha faixa e berraron consignas reclamando a actualización salarial inmediata e un convenio colectivo digno.