A CIG-Servizos mobilizarase nas catro provincias para rexeitar o convenio asinado en Mercadona
A CIG-Servizos desenvolverá mañá mobilizacións nas catro provincias galegas para amosar o seu rexeitamento ao convenio colectivo asinado en Mercadona polos sindicatos CCOO, UGT e SI, un convenio que empeora as condicións de traballo e salariais recoñecidas até agora e afonda na centralización das relacións laborais. As protestas Terán lugar ao mediodía diante de establecementos da empresa de alimentación en Vigo (Pizarro, 16), A Coruña (Monte Petelo, 63), Ourense (Otero Pedrayo, 12. As Lagoas) e Lugo (Infanta Elena, s/n).
A CIG denuncia que o acordo asinado supón así mesmo a exclusión daquelas organizacións sindicais que, como a CIG en Galiza ou ELA en Euskal Herria, lle resultan molestas á empresa por defender e reivindicar os dereitos das traballadoras/es. De feito, a central vasca desenvolverá tamén concentracións no seu país coincidindo coas convocadas pola CIG en Galiza.
Dende a central nacionalista galega salientan que durante todo o proceso que rematou coa sinatura do convenio de Mercadona non existiu unha negociación real, posto que os textos xa estaban previamente pactados á marxe da mesa e só se incluíron as modificacións que lle interesaban á empresa para adaptar o convenio aos cambios lexislativos e corrixir a redacción ao seu favor naquelas materias nas que estaba perdendo xuízos.
En cuestión económica, este convenio supón para o persoal perder dereitos salariais e non ter garantido o mantemento da súa capacidade adquisitiva, xa que por primeira vez non se asegura un incremento igual ao IPC. Establécese unha suba mínima do 2,5%, e se o IPC queda por enriba desa cifra o aumento do salario base dependerá da conta de resultados da empre-sa, sempre cun tope do 6%.
Persecución ao persoal
A prima de produtividade (que Mercadona utiliza como castigo ou premio ao seu persoal) tamén empeora, ao dificultarse o acceso ao cobro deste complemento e calcularse de manei-ra proporcional ao tempo de traballo. Para a CIG-Servizos, con este cambio a empresa agudi-za a súa política de persecución ao persoal que cae de baixa, tendo en conta que tamén se modifica a redacción do articulado para facilitar a retirada do complemento de posto de tra-ballo nas situacións de IT.
Xunto a isto, Mercadona afianza a súa política anti-conciliación, introducindo dificultades para a concesión das reducións por garda legal, mantendo a xornada laboral anual máis elevada do país, impedindo que se amplíen as vacacións automaticamente cando cadre un día festivo dentro do período de descanso, e autorizando cambios repentinos nos horarios mensuais, entre outras cuestións.