A CIG-Servizos mobilízase contra a represión sindical no bingo Castelo Real de Vigo
A CIG-Servizos desenvolveu na tarde de onte unha concentración diante das instalacións do bingo Castelo Real, na avenida da Florida de Vigo, para denunciar a represión sindical na empresa e reclamar a readmisión das dúas persoas traballadoras despedidas unha vez que a central comunicou a súa intención de promover eleccións sindicais.
Na federación de Servizos explican que o pasado 24 de outubro realizaron o preaviso de eleccións sindicais co obxectivo de que se constituíse a mesa un mes despois. Mais nun primeira momento a dirección negouse a recibir o preaviso, tendo que ser comunicado por correo electrónico “en tempo e forma”. Pouco despois a empresa comunicaba o despido de dúas persoas traballadoras, unha delas afiliada da CIG, que optaron por recorrer xudicialmente a decisión.
Posteriormente a central remitiulle á dirección do bingo un novo correo solicitando información sobre a constitución da mesa, e como non recibiu resposta contactou co xerente para que fixase a hora de constitución da mesa para a celebración das eleccións sindicais, “pero manifestou a súa negativa a facelo asegurando non ter recibido o preaviso”.
Con todo, a CIG vai presentarse na empresa o día da constitución da mesa, anunciando que no caso de que a compañía se volva negar tomará as medidas correspondentes diante da autoridade laboral. Ao mesmo tempo, promoveu a celebración dunha mobilizacións diante das instalacións do bingo na avenida da Florida, que se celebrou onte de 17:30 a 18:30 horas para rexeitar este claro caso de represión sindical por parte dunha compañía que non conta con representación legal das persoas traballadoras.