A CIG faise coa maioría no comité da residencia de maiores Virgen de Guadalupe de Mos

A central comprométese a facerlle fronte ao acoso e aos abusos de poder que padece o persoal
Mos - 20 Abr 2023

A federación de Servizos da CIG fíxose coa maioría da representación no comité de empresa da residencia da terceira idade Virgen de Guadalupe de Mos ao obter 3 das 5 delegadas/os nas eleccións sindicais grazas aos 24 votos colleitados. Na central comprométense a facerlle fronte a partir de agora ao acoso e aos abusos que padece o persoal e a esixir que se respecten os dereitos laborais e as condicións de traballo.

O proceso electoral celebrado onte nas instalacións da residencia, situada no alto de San Cosme, rexistrou unha altísima participación, xa que votaron 49 das 57 persoas que figuraban no censo, superándose polo tanto o 90%. Dáse a circunstancia de que a empresa carecía de representación sindical dende hai anos. 

A CIG obtivo 3 dos 5 representantes ao sumar 24 votos

No colexio de especialistas, das 41 traballadoras/es con dereito a voto participaron un total de 28, optando maioritariamente pola CIG, que contabilizou 21 apoios (3 delegadas/os). O outro representante deste colexio foi para CCOO, que sumou 11 votos. A delegada/o que se escollía entre o persoal técnico e administrativo (cun total de 16 persoas con dereito a voto) foi para CCOO, que obtivo 8 apoios, fronte aos 3 sumados pola central sindical nacionalista.

Cumprimento do convenio

Dende a representación da CIG na empresa agradecen o apio amosado polo cadro de persoal e comprométense a facerlle fronte ao acoso e aos abusos que padecen as traballadoras/es, así como a esixir o cumprimento do convenio colectivo e a garantir o respecto polos dereitos laborais do conxunto do persoal.

Neste senso, denuncian que a dirección da residencia de maiores Virgen de Guadalupe leva tempo vulnerando as condicións laborais e “facendo a vista gorda” ante os “abusos de poder” que se producen no centro de traballo de Mos.