• Nova

A CIG-Servizos oponse ao peche anunciado pola patronal hostaleira e recoméndalle ao persoal que acuda ao seu posto

Insta o empresariado a optar por medidas de presión que non prexudiquen as traballadoras/es
Nacional - 23 Mar 2022

A federación de Servizos da CIG saíu hoxe ao paso das informacións a respecto do peche patronal que estaría a promover o empresariado hostaleiro galego en protesta pola suba dos prezos e amosou o seu total rexeitamento a unha “medida ilegal” que deixará “totalmente desprotexidas” as persoas traballadoras do sector. Dende a central sindical instan a patronal da hostalería a optar por outras accións que non prexudiquen as persoas empregadas, ás que a CIG recomenda non deixar de acudir ao seu posto de traballo.

Segundo o recollido polos medios de comunicación, a proposta do peche patronal previsto para este luns día 28 partiu da Federación de Hostalería da Coruña, que lla tería traslado ao resto de federacións provinciais e asociacións empresariais do sector para que decidan se se suman á iniciativa. 

Ninguén nos comunicou nada, e iso que temos aberta a mesa negociadora do convenio provincial da Coruña

Na CIG lamentan que o empresariado non se tivese posto en contacto cos sindicatos maioritarios no sector para informarlles da medida. “Polo menos a nós ninguén nos comunicou nada a respecto dunha decisión tan importante, e iso que temos aberta a mesa negociadora do convenio provincial da Coruña”, sinalan.

Lembran que a Organización Internacional do Traballo (OIT) define o peche patronal como “o peche total ou parcial dun ou máis lugares de traballo, ou a obstaculización da actividade normal dos empregados/as, por un ou máis empregadores/as, coa intención de forzar ou resistir demandas ou expresar queixas, ou apoiar a outros empregadores nas súas demandas ou queixas”.

Non é un dereito fundamental

E fan fincapé en que a xurisprudencia do Estado español non recoñece o peche patronal como un dereito fundamental e só o xustifica nos casos de risco de violencia para as persoas e as cousas, ocupación ilegal do centro de traballo ou polo volume da inasistencia ou irregularidades do traballo. “Ningunha destas premisas se dá nestes momentos, polo que a medida non tería xustificación e sería ilegal”.

Ademais, na CIG-Servizos consideran que se trata dunha iniciativa “totalmente innecesaria e inoportuna” tendo en conta que o sector comeza a recuperarse das consecuencias derivadas da pandemia da covid e que se poden levar a cabo outras medidas de presión contra a alza dos prezos sen prexudicar as persoas traballadoras.