A CIG-Servizos segue coa campaña para reclamar o pago do IPC de 2021 ao persoal dos SAF e en demanda dun convenio digno para o sector

Desenvolveu onte unha concentración diante da delegación da Xunta en Ourense
Ourense - 21 Xun 2022

A federación de Servizos da CIG continuou onte coa súa campaña para reclamar o pago do IPC de 2021 ao persoal dos Servizos de Axuda do Fogar (SAF) e en demanda dun convenio colectivo que dignifique as condicións laborais do sector. A central sindical desenvolveu unha concentración diante da delegación da Xunta en Ourense, na que aproveitou para denunciar a precariedade que padecen as traballadoras/es dos SAF.

Ao berro de “o IPC non se negocia” delegadas/os e empregadas/os dos SAF mobilizáronse ás portas do edificio autonómico para deixar claro que non están dispostas a renunciar ao incremento salarial do 6,5% correspondente ao IPC co que rematou o ano 2021, que tería que estar xa reflectido nas súas nóminas e polo que seguen aínda agardando.

Lembraron que en Galiza hai na actualidade 250 empresas rexistradas de Servizo de Axuda no Fogar para as que traballan unhas 8000 persoas, o 95% mulleres. Porén, só catro actualizaron os salarios ao IPC real co que rematou o ano pasado malia estar así contemplado no convenio. “O resto ou non pagou ou está aboando a metade, un 3,1% ou un 3,2%”, denuncian.