A CIG-Servizos sitúase como principal forza sindical na limpeza hospitalaria de Pontevedra

A central pasa de 2 a 5 representantes nos comités de empresa de Acciona, concesionaria do servizo no Provincial e Montecelo
Pontevedra - 08 Nov 2023

A CIG-Servizos sitúase como principal forza sindical na limpeza hospitalaria de Pontevedra tras as eleccións que se veñen de celebrar en Acciona, concesionaria do servizo nos hospitais Provincia e Montecelo. A central pasou de 2 a 5 representantes no comité de empresa, sendo o sindicato máis votado no conxunto dos centros.

No proceso que tivo lugar no Provincial a candidatura da CIG obtivo 3 das 5 delegadas/os que se escollían ao sumar 33 votos. A representación sindical complétase cunha delegada/o de CCOO (13 votos) e outra/o da UGT (6 votos). Nas anteriores eleccións a CIG lograra 1 representante, CCOO 2 e UGT 2.

No hospital Montecelo a CIG fíxose con 2 delegadas/os grazas aos 26 apoios colleitados, UGT outras/os 2 (31 votos) e CCOO 1 (10 votos). No anterior proceso a central sindical conseguira 1 representante, UGT 3 e CCOO 1. 

A central foi o sindicato máis votado no conxunto dos dous centros

Deste xeito a CIG pasa de 2 a 5 delegadas/os en total, sendo o sindicato máis votado no conxunto dos dous centros, o que supón un importante aumento da representación nos comités de Acciona e amosa a confianza colleitada pola central entre o cadro de persoal da concesionaria do servizo de limpeza hospitalaria de Pontevedra.

Dende a central sindical agradecen o apoio amosado por unha ampla maioría das traballadoras/es, que deste xeito valoran que a CIG lograse primeiro a negociación do convenio, que levaba dende 2016 sen denunciar, e posteriormente a sinatura dun novo acordo tras unha convocatoria de folga en 2022.