A CIG solicita do Goberno español actuacións diplomáticas para impedir o plan de anexión israelí

A central denuncia tamén a discriminación dos traballadores e traballadoras palestinos en Israel, agravada pola pandemia
Internacional - 05 Xun 2020

A CIG vén de dirixir escrito á Ministra de Exteriores, solicitando que o Goberno español se manifeste publicamente e exerza todas as accións posíbeis a nivel internacional par evitar o plan de anexión dos territorios ocupados de Cisxordania que Israel (auspiciado e apoiado do goberno de Trump) pretende levar adiante de maneira inmediata.

De feito, o novo Goberno de coalición de Israel xa anunciou a súa intención de anexionar os territorios de Cisxordania e o Val do Xordán onde están os asentamentos ilegais xudeus, pondo como data tope o próximo 1 de xullo.

O plan inviabiliza calquera alternativa de creación de dous estados

Este plan de anexión supón unha clara violación do dereito internacional e unha ruptura de calquera alternativa negociada que permita unha solución ao conflito baseada nas resolucións 242 e 338 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, coa creación de dous estados, tomando como referencia as fronteiras anteriores a 1967 e con Xerusalén leste como capital dun Estado soberano de Palestina.

Tamén suporía un paso máis na aplicación da lei do "Gran Xerusalén", que anexionou tres importantes bloques de asentamentos que ocupan unha extensión de 175 quilómetros cadrados no distrito ocupado de Xerusalén.

De consolidarse a anexión, romperíase a contigüidade territorial entre Xerusalén leste e Cisxordania, esencial para as condicións de vida da poboación palestina e a súa capacidade para poder avanzar e desenvolverse como pobo no futuro, sen os humillantes controis e "check points" aos que deben someterse actualmente para superar ese muro instalado no seu territorio.

Graves repercusións económicas e sociais

Ademais, traería repercusións económicas e sociais moi negativas para os traballadores e traballadoras palestinas, pois as previsións apuntan a que deixaría "desconectadas" a unhas 200.000 persoas palestinas do seu entorno socioeconómico.

O 23% da zona que Israel intenta anexionar son terreos de propiedade privada onde a poboación palestina desenvolve unha importante actividade agrícola, a través da que gañan a vida. Coa incorporación deste territorio, Israel tería o control dos recursos da auga e das terras máis fértiles, pois dende 2017 ten a potestade de controlar as propiedades das persoas "ausentes" na zona C, así como as propiedades que reivindica como "propiedade pública".

Diante desta clara vulneración da normas internacionais e dos dereitos humanos, e na tradicional solidariedade co pobo palestino e a súa xusta causa, a CIG solicita do Goberno español e do MInisterio de Exteriores que rexeite publicamente e con carácter urxente este plan de anexión e exerza todas as presións diplomáticas para impedilo, tanto diante do propio Goberno de Israel como nos foros e institucións internacionais das que o Estado español forma parte.

Discriminación dos traballadores/as na pandemia da Covid19

Por outra banda, a CIG, xunto co sindicato francés Solidaires e o Comité Directivo da Rede Sindical Europea Xustiza para Palestina, do que a central fai parte, enviaron unha carta á Confederación Sindical Internacional (CSI), denunciando a situación dos traballadores e traballadoras palestinos en Israel, agravada pola pandemia da Covid19.

Na situación de emerxencia sanitaria, os traballadores e traballadoras palestinas non só están discriminadas polo Goberno de Israel (que entre outras cuestións non lles recoñece o dereito á prestacións por desemprego), senón tamén polo sindicato Histadrout, xa que este non lles presta o servizo e asesoramento debidos, a pesar de os traballadores e traballadoras palestinas que teñen que pagar unha cota sindical obrigatoria a Histadrout, que se lles desconta dos seus salarios. Unha discriminación que incumpre, ademais, algún dos convenios da OIT.