A CIG solicita unha investigación pola actuación do GES de Guitiriz no accidente de Begonte

Lugo - 04 Dec 2018

A CIG vén de solicitarlle á Dirección Xeral de Emerxencias e á Deputación de Lugo -como administracións competentes e que financian os Grupos de Emerxencias Supramunicipais- que investiguen a actuación do GES de Guitiriz durante o accidente mortal ocorrido en Begonte o pasado 25 de outubro, co obxectivo de que se aclaren os feitos e se adopten as medidas oportunas, no caso de existir irregularidades.

A semana pasada, a CIG de Lugo denunciaba que o GES de Guitiriz non acudiu á alerta deste accidente en Begonte, posto que, segundo as informacións trasladadas ao sindicato, nese momento non había  ningún traballador do GES de garda na base e a alarma do 112 foi atendida non polo persoal do servizo, senón por un membro do equipo de Goberno.

Ante esta denuncia da CIG, a alcaldesa de Guitiriz afirmou nos medios de comunicación que iso era mentira e que o GES si acudira a esa alarma, se ben chegara tarde. Porén, o pasado xoves 29 de novembro, na sesión plenaria, rexedora  negouse a responder a varias preguntas ao respecto formuladas polo grupo municipal do BNG.

"Desde a CIG entendemos que o sucedido é un feito de extrema gravidade, polo que en aras de clarificar o sucedido acabamos de solicitarlle ás administracións competentes que abran unha investigación por eses feitos", subliña o Secretario de Organización, Lois Neto.

Igualmente, desde a CIG de Lugo reiteran que a responsabilidade do deficiente servizo que presta o GES “Terra Cha” con sede en Guitiriz "non é só do Concello de Guitiriz, senón tamén da Deputación e da Xunta de Galiza, dado que sendo coñecedores destas deficiencias dende hai mais dun ano, non adoptaron ningunha medida para corrixir as mesmas, a pesar de ser as administración que financian ao 100% o servizo".