A CIG solicita unha reforma do EBEP que non se limite a regular o teletraballo e abordar a temporalidade

Na reunión coa ministra, a central tamén avogou por eliminar a taxa de reposición
Nacional - 15 Xun 2020

Esta mañá celebrouse un encontro virtual "meramente protolocario" da ministra de Política Territorial e Administración Pública e as organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial das AAPP, na que avanzou a intención do Goberno español de modificar o Estatuto Básico do Empregado/a Público/a pero só para regular o teletraballo e abordar a problemática da temporalidade.

Sobre a primeira cuestión, simplemente sinalou algunhas preguntas que se fai o propio Ministerio sobre regular o teletraballo como algo obrigatorio ou voluntario, a tempo parcial ou total e que a regulación teña carácter básico. E sobre a segunda, tampouco adiantou en que se sentido se pretende realizar esa “abordaxe” e simplemente se limitou a indicar que a Administración Xeral do Estado conseguira reducir até o 8% a taxa de temporalidade pero non así no resto das administracións.

Neste sentido a ministra afirmou que pretenden facer unha modificación dos prazos do actual acordo de estabilidade para poder levar ao 2021 (ou mesmo máis adiante) a realización das OPE do 2017 e 2018 que están sen desenvolver ou aprobar en moitas administracións públicas.

En canto á modificación puntual do EBEP a ministra adiantou que se comezarían cos traballos a partir do mes de xullo e que se concretarían a partir de setembro, dando a entender que queren unha negociación rápida e que non van “abrir o melón” de introducir outros cambios de calado no mesmo.

Oportunidade para darlle un volta ao EBEP

Precisamente isto é que demandou a CIG na súa intervención, comezando por criticar o Acordo de Estabilidade e que se manteña a taxa de reposición e continuando porque "se aborde dunha vez por todas unha fórmula legal que permita reducir a temporalidade nas administracións públicas mediante procesos de consolidación que teñen en conta as persoas que levan anos en situación de fraude de lei".

Neste sentido, o sindicato lembrou que a xurisprudencia europea deixa ben claro que as fórmulas “denominadas de consolidación” incluídas no Acordo de Estabilidade asinado por Montoro e os sindicatos estatais non valen para o cometido (ou a escusa) coa que se venderon. Ademais, está pendente tamén identificar cal é o réxime sancionador para as administracións que incumpran a lei no referente á temporalidade.

A CIG tamén reclamou que calquera reforma que se leve a cabo no EBEP ten que ter carácter de mínimos para que sexa despois a Administración galega a que a desenvolva. Así mesmo, "non se debería obviar un dos principais problemas que se puxeron de manifesto co estado de alarma e a crise sanitaria, e que ten que ver coas obrigas do persoal do sector público para a tutela e coidados de fillos e fillas ou maiores a cargo".

Neste sentido, a CIG considera que debe quedar blindada a opción do teletraballo cando sexa posíbel ou do permiso retribuído cando o traballo desde a casa non sexa unha opción, nos casos de que o persoal se vexa na obriga de coidar a menores ou maiores a cargo.

Recuperar dereitos

O sindicato tamén lembrou que as empregadas e empregados públicos manteñen a día de hoxe unha perda de poder adquisitivo próxima ao 11% e uns recortes nas extras (salario base e trienios) que dependen exclusivamente do goberno central. "Cómpre que recuperemos os dereitos que o acordo retributivo do anterior goberno do PP e dos sindicatos estatais desprezaron. O dereito a mellorar as condicións da xubilación foi outro dos aspectos que precisa melloras e que se puxo enriba da mesa. Anular as reformas das pensións do 2011 e 2012, aínda non sendo do ámbito de negociación desta Mesa, debe ser unha prioridade así como a regulamentación do dereito á xubilación anticipada de todos e todas as empregadas públicas".