A CIG reclamará no Xulgado a execución de parte da débeda do persoal de GEA

Persoal da antiga fábrica de louza volveu mobilizarse hoxe en Vigo
Vigo-Pontevedra - 11 Xan 2017

A CIG anunciou hoxe que lle solicitará ao Xulgado que execute a débeda que manteñen unha inmobiliaria e un bufete de avogados coas ex traballadoras/es do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) que representa a central. O grupo de afectadas/os volveu mobilizarse esta mañá en Vigo para reclamar o pago dos terreos que ocupa a antiga fábrica de louza en Cabral e Coruxo.

A decisión da CIG chega tras varios meses de protestas das ex empregadas/os de GEA para reclamar o abono das débedas pendentes, tanto por parte de dúas inmobiliarias como dun bufete de avogados.

O secretario comarcal de Pontevedra, Marcos Conde, explica que a central intentará así que o Xulgado execute o pago das cantidades recoñecidas pola inmobiliaria El Rocío e polo avogado José Pérez Pousa (un total de 144.000 euros). Con todo, ás afectadas/os aínda lles restaría por ingresar os máis de dous millóns de euros que lles adebeda a inmobiliaria Subel.

Conde detalla que estes 144.000 euros que non foron entregados polo letrado ao grupo de ex traballadoras/es representadas pola CIG, “xa que cando El Rocío lle entregou os cartos -que ascendían a 1,8 millóns de euros- optou por repartilos unicamente entre os seus asesorados/as, pertencentes a CCOO e UGT”. Isto fixo que a central optase por presentar unha demanda na súa contra en 2014, tras a que se chegou a un acordo de recoñecemento da débeda e de liquidación da mesma.

Mais tanto El Rocío como Pousa se negan a abonar a débeda e sinálanse mutuamente como responsábeis do impago. Ademais, en todo caso, pretenden que as afectadas/os acepten unha quita que deixaría cantidade adebedada en 117.000 euros. Diante disto, un grupo de ex traballadoras/es optou por iniciar mobilizacións co apoio da CIG tanto diante da sede da inmobiliaria El Rocío como do despacho de Pousa.

Así, hoxe continuaron coas protestas, que se desenvolveron de 10.00 a 11.00 horas na inmobiliaria, siatuada na rúa Colón, e de 11.00 a 12.00 horas no despacho de Pousa, en Urzaiz. Alí despregaron pancartas reclamando o pago das débedas e acusando o letrado de “pufero”.

A débeda de Subel, tamén no Xulgado

Unha vez se solucione o pago destes 144.000 euros, os ex empregados/as de GEA que representa a CIG aínda terían que cobrar máis de dous millóns de euros da inmobiliaria Subel. Dende a central indican que o abono da débeda podería estar cerca xa que o Xulgado de Instrución número 10 de Vigo vén de decretar a apertura das dilixencias para resolver o conflito.

A situación fixo que a afectadas/os optasen por desprazarse recentemente até a Coruña para desenvolver unha protesta diante da sede da Inversiones Subel co obxectivo de reclamar o pago da cantidade adebedada. Tempo despois mobilizáronse nas inmediacións do Obelisco para demandarlle ao propietario da inmobiliaria, o empresario Luis Fernández Somoza, que cumpra os acordos e abone a débeda pendente.