A CIG solidarízase co pobo de Venezuela e a súa soberanía

A central condena os feitos acontecidos nos últimos días

Internacional -

A CIG quere manifestar publicamente o seu apoio e solidariedade co pobo de Venezuela e o seu dereito a vivir en paz, democracia e soberanía plena, e condena os feitos acontecidos nos últimos días, coa autoproclamación de Juan Guaidó como presidente, as intentonas golpistas anteriores, as ameazas do Vicepresidente dos EEUU, Mike Pence, e o inmediato recoñecemento do seu presidente, Donald Trump, do ilexítimo e golpista autoproclamado “Presidente Encargado” do país.

O pobo de Venezuela é o único lexítimo e soberano actor do seu destino. Condenamos pois as ameazas inxerencistas e imperialistas ianquis e os seus lacaios no continente americano, como o secretario xeral da OEA ou o autodenominado “Grupo de Lima”, do que participan gobernos como o do ultraliberal Mauricio Macri na Arxentina, o do fascista Bolsonaro no Brasil, e os doutros países na zona que chegaron ao poder por métodos claramente antidemocráticos, nunha clara estratexia para derrocar a gobernos que apostaron no seu día pola súa independencia do imperialismo ianqui e a posta en práctica de políticas cun maior carácter social.

O pobo de Venezuela é o único lexítimo e soberano actor do seu destino

Denunciamos o apoio dos e das representantes políticos do noso país, nomeadamente nas manifestacións de Núñez Feijoo, e da grande maioría de organizacións políticas españolas, desde as máis intervencionistas da ultradereita do PP, Cidadáns e VOX, até a postura feita pública polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, esixindo a celebración inmediata de eleccións ou, a modo de chantaxe, o recoñecemento de Juan Guaidó como presidente.

Eramos sabedores das posturas “golpistas” contra Venezuela do Sr. Felipe González e das súas relacións e intereses económicos con importantes sectores do empresariado daquel país. Pero resulta un tanto curioso que Pedro Sánchez pretenda dar leccións de democracia e solicite eleccións, cando en España non existe ese dereito de elixir xefe/a do Estado, e se critique a represión en Venezuela contra as persoas que participan en alzamentos golpistas, comandos violentos ou intentos de asasinato do seu presidente electo, cando no Estado español existen presos políticos por solicitar pacificamente poñer urnas para que o pobo decida. Faría ben Sánchez en escoitar a opinión de Zapatero (coñecedor da situación e mediador) que a de quen leva tempo ao servizo do capital e o imperialismo.

Denunciamos tamén a información parcial e interesada de moitos medios de comunicación ao servizo da estratexia imperialista de desestabilización no país e de creación de opinión en contra do seu goberno.

Denunciamos a información parcial e interesada de moitos medios ao servizo da estratexia imperialista de desestabilización no país e de creación de opinión en contra do seu goberno

A historia, tanto a máis antiga, como a máis recente, demostra que estas inxerencias e intervencións nunca perseguiron nin trouxeron melloras para as xentes dos países que as padecen, senón todo o contrario; pois o verdadeiro obxectivo está na explotación dos recursos que posúen (o que está a pasar con Alcoa en Galiza é un exemplo claro). E Venezuela ten moitos deses recursos, sobre todo na calidade e cantidade de petróleo existente no seu subsolo. Hoxe é Venezuela, antes foi Cuba (aínda vítima dun bloqueo), Chile, Panamá, Brasil (cun golpe que sacou á lexítima Presidenta e o encarceramento de Lula), Iraq, Libia, Siria, etc.

Por iso, e sen entrar en valoracións sobre a xestión de goberno dos seus representantes, si debemos mobilizarnos contra estas actitudes imperialistas e defender a soberanía dos pobos e o dereito a decidir o seu futuro, neste caso do pobo venezolano. E participaremos nas plataformas e convocatorias que se manifesten neste senso.

Compostela, a 27 de xaneiro de 2019

Volver