A CIG solidarízase coa folga xeral de 36 horas convocada na Arxentina pola CTA-A

Baixo o lema “A fame é un crime: por traballo, produción e soberanía”
Internacional - 25 Set 2018

A CIG quere trasladar todo o apoio e solidariedade coa folga xeral de 36 horas que se está a desenvolver na Arxentina entre o luns 24 e o martes 25 de setembro, convocada pola CTA-Autónoma, baixo o lema “A fame é un crime: por traballo, produción e soberanía".

Entre as reivindicacións máis urxentes que levan á convocatoria do paro nacional está o cese dos despedimentos e a readmisión das persoas que xa foron despedidas, a reapertura das paritarias e que se remate coa represión e criminalización da protesta social. Xunto a isto reivindícase a derrogación do acordo co FMI, que non sexa aprobado o presuposto proposto polo Goberno, que se remate cos altísimos niveis de pobreza e fame que está a sufrir o país, que se aumente o salario mínimo (SMVM), as xubilacións e que se xeren postos de traballo dignos.

Demandas, todas elas, contra as políticas neoliberais que vén aplicando o goberno de Mauricio Macri, que prexudican ás clases máis necesitadas, suprimen dereitos sociais e laborais e poñen en risco a soberanía do país, deixándoo en mans do capital transnacional e vendéndoo ao Fondo Monetario Internacional.

Dende a CIG felicitamos as organizacións convocantes pola súa iniciativa, do lado da clase traballadora, e agardamos que sexa un éxito rotundo, tanto polo número de persoas que secunde a folga, como pola contundente resposta nas rúas de Arxentina. Unha resposta que faga retroceder a Macri nesas políticas que está a aplicar contra as clases populares.