A CIG solidarízase coa loita do pobo chileno para esixir a fin do estado de emerxencia e un novo modelo económico e social

Están convocadas dúas xornadas de folga xeral este mércores e xoves
Internacional - 23 Out 2019

A CIG traslada o seu apoio e solidariedade ao pobo chileno, ás compañeiras e compañeiros da Central Unitaria dos/as Traballadores/as (CUT) e a todas as organizacións e movementos cidadás que, agrupados na plataforma "Unidade Social do Pobo Chileno", convocan dúas xornadas de folga xeral este mércores 23 e o xoves 24 outubro para esixir ao presidente Sebastián Piñeira que remate co estado de emerxencia e atenda os verdadeiros problemas que xeraron a grave crise social e política que atravesa o país.

Unha crise que presenta unhas cifras alarmantes: 17 persoas mortas (11 calcinadas e 6 asasinadas), 13 vítimas de disparos graves, 4 atropelos graves, 4 crianzas feridas, 17 persoas con trauma ocular e 2.151 persoas detidas desde o 18 de outubro. Cunha situacións nas rúas de total alarma social ante o despregamento de 12.061 efectivos de forzas de seguranza (policía, militares, detectives...) que están a exercer unha brutal represión.

"Unidade Social" chama a clase traballadora a secundar masivamente estas dúas xornadas de folga co obxectivo de reverter a actual situación e as medidas antisociais e antiobreiras adoptadas polo goberno chileno.

As principais demandas desta folga son:

1.- A inmediata derrogación do estado de emerxencia e o retorno dos militares ás súas unidades e cuarteis.

2.- Esixencia ás e aos parlamentarios do senado e da cámara dos deputados e deputadas para que efectúen unha folga lexislativa e, en consecuencia, mentres dure o estado de emerxencia, non se tramite ningún proxecto de lei nin ratificación de tratados internacionais.

3.- Retirada de todos os proxectos de lei que conculcan os dereitos sociais, económicos e culturais do pobo chileno: pensións, reforma tributaria, Lei do Sence e a non aprobación do TPP, entre outras.

4.- Definición e implementación dun paquete de medidas económicas de urxencia en materia de dereitos sociais para o pobo traballador de Chile arredor dos temas contidos na declaración fundacional de Unidade Social.

5.- A convocatoria inmediata dunha Asemblea Nacional Constituínte para que elabore participativamente un novo marco estrutural da sociedade chilena, e que dea lugar a un novo modelo de desenvolvemento nacional que poña fin ao actual modelo neoliberal inxusto e abusivo.

Así mesmo, dende a Plataforma rexeitan as graves declaracións do presidente Piñera aludindo a que "está en guerra" en contra do pobo, arrastrando ao pobo a unha confrontación interna, polo que esixen a súa renuncia.

Dende a CIG trasladamos a nosa solidariedade con esta xusta loita contra os ataques á clase traballadora e a represión da resposta social e unímonos ás demandas da Plataforma Unidade Social, achegando o noso apoio e solidariedade ás organizacións convocantes da folga e ao pobo chileno.

Galiza, 23 de octubre de 2019

Confederación Intersindical Galega (CIG)