A CIG solidarízase coa xornada de paro nacional convocada para este mércores na Arxentina

Contra as políticas de "axuste, entrega e fame" do goberno de Macri

Internacional -

Este mércores, 29 de maio, está convocada unha xornada de paro nacional en toda Arxentina contra as políticas "de axuste, entrega e fame", que propicia o Goberno de Macri. A CIG traslada a súa solidariedade á convocatoria e apoia plenamente as demandas da clase traballadora arxentina a prol dunhas políticas máis xustas ao servizo da maioría social.

A convocatoria do paro nacional coincide co 50 aniversario do chamado “Cordobazo”, a histórica xesta que mostrara a unidade da clase obreira e estudantes, e que rematou coa ditadura de Onganía en 1969.

Incremento alarmante do índice de pobreza

O goberno de Mauricio Macri ten levado ao país ao borde do colapso económico, recortando drasticamente os salarios dos/as traballadores/as e baixando o seu poder adquisitivo, pola alta inflación, o desemprego, a recesión e un incremento alarmante do índice de pobreza. Segundo as cifras oficiais, 14 millóns de arxentinos/as viven na pobreza, o nivel máis alto dende a crise de 2001. Os recortes orzamentarios esixidos polo FMI agravan aínda máis esta situación, sobre todo para a clase traballadora e as súas familias, chegando a cotas de pobreza dun incremento que se estima nun seis por cento.

Dende que Macri chegou ao goberno nas eleccións de 2015, as súas políticas teñen unha marcada liña neoliberal na defensa dos intereses das clases dominantes do país e do capital transnacional, vendendo o país e os seus principais sectores produtivos a  empresas estranxeiras e poñéndose en mans do Fondo Monetario Internacional, que vende moi caras as súas axudas ou rescates, que acaban pagando sempre as clases populares.

Por iso, as principais centrais sindicais arxentinas, algunhas delas con estreita relación e colaboración coa CIG, participarán nesta xornada de folga e pedirán que rematen as políticas de austeridade impostas polo goberno de Macri e incrementadas tras o acordo de préstamo co FMI.

Apoio pleno ás demandas da clase obreira arxentina

Desde a Confederación Intersindical Galega apoiamos plenamente as demandas da clase traballadora da Arxentina e as mobilizacións que hoxe teñen convocadas co apoio das organizacións sindicais. A central agarda que a xornada sexa un éxito de participación e sirva para mudar o tipo de políticas do goberno arxentino, pasando a outras máis xustas de carácter social, que atendan as necesidades das clases máis desfavorecidas.

Dende Galiza, a CIG traslada a solidariedade a esta xornada de loita contra a fame, o deterioro dos salarios, os axustes e os saqueos de Macri, contra a criminalización da protesta social, e a xudicialización das súas loitas; e pola defensa do traballo, dos salarios e dos dereitos conquistados ao longo da historia.

Volver