A CIG solidarízase coa xornada nacional de loita que a CTA-A desenvolve este mércores na Arxentina

Contra as políticas de recortes do Goberno de Macri e a represión da mobilización social
Nacional - 11 Abr 2018

A CIG quere mostrar todo o apoio e solidariedade coa Central dos Traballadores e Traballadoras da Arxentina Autónoma (CTA-A) e a Asociación dos Traballadores e Traballadoras do Estado (ATE) que ao longo desta semana están a desenvolver mobilizacións contra as últimas medidas do Goberno de Macri e a criminalización da protesta. As organizacións sindicais teñen organizada unha acampada diante do Congreso Nacional e este mércores están levando adiante unha xornada nacional de loita por toda o país con paros, cortes e manifestacións.

A CTA-A e ATE responden así á aprobación da “Lei de Emerxencia Social” aprobada polo Congreso da Arxentina, e ao paquete de medidas de axuste, tarifazos, despedimentos, da loita polas paritarias libres e sen teito, da xubilación equivalente ao 82 % do salario en actividade, e da escalada de persecución e criminalización da protesta que o Goberno de Macri está a levar a cabo.

Ademais, diante da decisión do xuíz Hugo Greca de procesar o secretario xeral da Central en Río Negro, Rodolfo Aguiar, o seu adxunto, Manuel Hermida, e o referente da Corrente Clasista e Combativa (CCC), Raúl Rajneri, a CTA-A de Río Negro marchará desde Roca e Tucumán até os Tribunais Federais na cidade de General Roca.

A CIG quere mostrar todo o apoio e solidariedade coa CTA-A e ATE, e coas mobilizacións convocadas na defensa dos dereitos laborais, sociais e civís das clases populares da Arxentina, ao tempo que condenamos a represión e persecución do lexítimo dereito a manifestar a protesta e das persoas que as encabezan.

A loita contra o capital sempre topa frontalmente con este tipo de actuacións que cuestionan as liberdades colectivas e individuais e poñen en dúbida a existencia de verdadeira democracia. Isto pasa na Arxentina e, por suposto, tamén no noso país, onde estamos a padecer a persecución das ideas e as accións na lexítima defensa dos nosos dereitos como clase traballadora e como pobo.

Desde Galiza, toda a nosa solidariedade co pobo de Arxentina e os/as compañeiros/as da CTA-A.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2018