A CIG solidarízase coas persoas detidas polo desaloxo da 'Insumisa'

Lamenta que se tente reprimir pola vía xudicial a persoas, organizacións e colectivos sociais
Nacional - 29 Xun 2018

A Confederación Intersindical Galega quere trasladar a súa solidariedade coas persoas detidas en relación ao desaloxo do local social A Insumisa, especialmente coas persoas acusadas dos delitos de atentado, lesións e sedición, que lle poderían supor penas de cárcere de até 15 anos. A central sindical rexeita que se tente reprimir pola vía xudicial ás persoas, organizacións e colectivos sociais que poñen en cuestión o estatus quo vixente e que pulan por unha sistema económico e social alternativo.

A CIG considera un auténtico despropósito que se pretendan aplicar estas durísimas condenas e meter no cárcere a persoas por participar nunha protesta durante un desaloxo, que ademais foi brutalmente reprimida con cargas policiais nas que resultaron feridas e contusionadas varias mulleres e homes.

Imputar este tipo de delitos de fácil montaxe e díficil defensa -dada a excesiva discrecionalidade e a prevalencia dos testemuños da policía- é un dos recursos habitualmente empregados para perseguir, amedrentar e castigar de maneira exemplarizante a contestación social e a resposta nas rúas aos ataques do poder político e económico. Fica claro que no Estado español existe un uso excesivo destas figuras penais á hora de abordar calquera confrontamento ou resposta ás actuacións das forzas de seguridade, co único obxectivo de criminalizar a contestación social.

Pero resulta especialmente rechamante que se pretendan atribuír tamén delitos como o de sedición a persoas "por alzarse tumultuariamente contra os axentes" cando na protesta a violencia exerceuse precisamente por parte da policía, que golpeu coas porras  e utilizou gas pementa contra as/os manifestantes.

Para a CIG que se impute este tipo de suposto penal haino que enmarcar na deriva represiva e no recorte dos dereitos e liberdades dos últimos tempos, que mesmo ten levado a que hoxe en día haxa presos políticos nas cárceres españolas.