A CIG solidarízase con Cuba ante as presións dos EEUU contra a resolución da ONU para esixir a fin do bloqueo e das sancións

A central reitera o seu apoio ao pobo cubano, ao seu goberno e ao proceso revolucionario e denuncia unha nova agresión do imperialismo ianqui
Nacional - 28 Out 2025

A Confederación Intersindical Galega (CIG) trasladou hoxe a súa solidariedade con Cuba ante as brutais presións dos Estados Unidos a terceiros países para botar abaixo a resolución da ONU -que será sometida a votación este mércores día 29- esixindo a fin do bloqueo e das sancións estadounidenses contra a illa. A central reitera o seu apoio ao pobo cubano, ao seu goberno e ao proceso revolucionario ante unha nova agresión do imperialismo ianqui a un territorio que é exemplo de aposta pola paz e a cooperación internacional.

As manobras do goberno dos EEUU pretenden obrigar a determinados países latinoamericanos e europeos a cambiar a súa posición histórica respecto a Cuba para restarlle apoios á resolución presentada anualmente dende 1992 pola illa diante da Asemblea Xeral da ONU. Trátase dunha resolución non vinculante que nos últimos anos contou co apoio practicamente unánime da comunidade internacional (187 votos a favor por só dous en contra, de EEUU e Israel). 

A resolución contou nos últimos anos co apoio practicamente unánime da comunidade internacional (187 votos a favor por só dous en contra, de EEUU e Israel)

Ao mesmo tempo, a CIG esixe o cesamento inmediato do inxusto e ilegal bloqueo ao que a veñen sometendo os Estados Unidos e os seus aliados, así como a supresión de Cuba da lista de países colaboradores co terrorismo. E lembra que o país caribeño é un exemplo de aposta pola paz, de solidariedade e de cooperación a nivel internacional.

“Resulta paradoxal que sexa incluída nesa lista, xustamente polo país máis terrorista, que máis guerras e mortes leva provocado no mundo, con constantes inxerencias e promoción de golpes de estado”.

Finalmente, a central denuncia que os bloqueos e as sancións estanse a converter nun recurso do imperialismo neoliberal, non só para castigar e impedir o progreso dos pobos que defenden a súa soberanía e se negan a estar sometidos ás súas teses, senón como unha mensaxe clara contra os países que, exercendo o seu lexítimo dereito, puidesen optar por proxectos anticapitalistas ou socialistas.