A CIG solidarízase cos compañeiros e compañeiras de ATE que están sendo reprimidos/as por reclamar salarios dignos
A CIG traslada todo o seu apoio e solidariedade ás compañeiros e compañeiras da Asociación de Traballadores/as do Estado (ATE) do Concello de Mendoza, que están a sufrir a represión instigada polo gobernador, Rodolfo Suárez, e o seu sobriño e alcalde da capital, Ulpiano Suárez. Unha represión que xa provocou que foran detidas/os máis de 60 manifestantes, entre eles o secretario xeral da Sección Provincial, Roberto Macho.
A pesar de levar case un mes de protestas pacíficas esixindo principalmente un aumento salarial que supere o límite da pobreza para os concellos, os líderes de Xuntos polo Cambio ordenaron a intervención da Policía Provincial para arrestar traballadores/as, sindicalistas e incluso xornalistas.
Non é a primeira vez que o estado de Mendoza sufre unha represión policial. Por iso, dende a CIG sumámonos á demanda de cese inmediato desta represión, pola liberación inmediata de todos os detidos e detidas e pedindo responsabilidades políticas por esta actuación brutal. Unha das persoas arrestadas foi tamén a Vicesecretaria Provincial, Adriana Iranzo.
A CIG condena o uso da forza e a violencia para reprimir as xustas demandas laborais e sociais da clase traballadora e aos líderes que as dirixen, en vez de aplicar políticas que poñan freo ás graves situacións de pobreza e mesmo fame, que, segundo a información que nos chega, están a padecer os/as municipais desa capital.
Desde Galiza, vaia todo o noso apoio solidario co colectivo afectado e cos compañeiros e compañeiras de ATE, que están á fronte de defensa dos seus dereitos.