A CIG subscribe o comunicado de denuncia sindical ante os supostos casos de espionaxe

Esixindo ao goberno español que aclare estes feitos e que se depuren responsabilidades

Internacional -

A CIG, xunto con outras organizacións sindicais, vén de subscribir un comunicado de denuncia ante as informacións aparecidas estas días nos medios sobre presuntas espionaxes a representantes do independentismo catalán e para esixir que se aclaren estes feitos e se depuren todas as responsabilidades.

Denuncia sindical ante os supostos casos de espionaxe

Ante as informacións reveladas por diferentes medios de comunicación nestes últimos días, segundo as que o President do Parlament de Catalunya, Roger Torrent, a ex-deputada Anna Gabriel e diferentes representantes do independentismo foros obxecto de espionaxe, os sindicatos asinantes denunciamos os feitos, e esiximos o seu esclarecemento coa máxima celeridade posíbel.

O programa espía Pegasus é un programa ao que só poden ter acceso os gobernos e as diferentes forzas e corpos de seguridade para, "supostamente", perseguir graves delitos.

Mediante este programa, pódense intervir comunicacións e monitorizar as conversacións que poida ter a persoa que está sendo obxecto da espionaxe. Parécenos inaceptábel que un suposto estado de dereito faga uso do programa co fin de espiar a disidencia política.

Desgrazadamente non é a primeira vez que as cloacas do estado actúan contra a disidencia política con ferramentas profundamente anti-democráticas que vulneran os dereitos máis elementais. Á memoria véñennos as escoitas padecidas no seu día polo sindicato LAB, entre outros.

Aos sindicatos asinantes preocúpanos, en gran medida, que un estado presuntamente democrático use a espionaxe política e escoitas co único obxectivo de controlar o adversario ou adversaria política. Estas prácticas non teñen cabida no tipo de sociedade que aspiramos a construír.

Así mesmo esixímoslle ao goberno que tome as medidas correspondentes para esclarecer o sucedido, que se depuren todas as responsabilidades e que garanta que ninguén será obxecto de persecución nin espionaxe polo seu traballo político, social ou sindical.

Os sindicatos asinantes seguiremos traballando e loitando para que todos os dereitos de todas as persoas sexan unha realidade e non unha frase bonita sen contido algún.

Asinan: CIG, Confederación Intersindical del Estado Español, COS Països Catalans, CSI Asturies, CUT Aragón, CUT Galiza, ESK Euskal Herria, IAC Catalunya, Intersindical Canaria, Intersindical CSC Catalunya, Intersindical Valenciana, LAB Euskal Herria, SAT Andalucía, STEI Illes Balears, STEILAS Euskal Herria.

Volver