A CIG subscribe o manifesto da 'Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños'

Chama a participar na protesta do 11 de marzo na Coruña
Nacional - 02 Mar 2023

A CIG subscribe o manifesto e a declaración feita o 1 de marzo pola 'Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños' en rexeitamento á aprobación dos POEM e chama a participar na mobilización que o colectivo ten convocada na Coruña para o sábado 11 de marzo, diante da Delegación do Goberno (Praza de Ourense), en demanda da retirada do Real Decreto, que se respecte a actividadepesqueira e os ecosistemas e que se traballe a todos os niveis para dispoñer da información máis axustada para acometer a ordenación dos espazos mariños.

A CIG avoga por unha Galiza libre de eólica mariña polo risco que significa para a continuidade da actividade pesqueira, o limitado coñecemento científico que existe a día de hoxe sobre a afectación que estas instalacións teñen nos ecosistemas mariños e tendo en conta que no espírito da norma esta actividade industrial está concibida como un fin en si propio.

Afóndase deste xeito nunha concepción da transición que non responde aos principios dunha transición ecolóxica e xusta, nin arranxa os defectos estruturais do actual sistema, senón que aposta pola produción intensiva e centralizada da enerxía, por manter os beneficios do lobby enerxético e por primar o interese privado sobre o público. "As grandes corporacións empresariais son as que planifican e deciden, valéndose de inxentes recursos públicos, limitándose os Gobernos a executar unha transición enerxética, cada vez máis inxusta social e territorialmente", critica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

A este respecto lembra que desde hai décadas, Galizadesempeña por imposición política de Madrid, un papel de subministrador de enerxía eléctrica para o resto do Estado español e agora está  sometida a un novo e intenso proceso de colonización enerxética que, se no franquismo destruíu osríos, agora vai polas terras, os montes e o mar. "

Porén, a pesar dos graves e importantes custos sociais e ambientais, Galiza non tirou ningún proveito desta actividade económica, e seguimos sen poder contar cunha tarifa eléctrica galega, unha tarifa máis baixa, que garanta unha vida digna e un desenvolvemento económico, social e industrial que creepostos de traballo.

Fronte a isto, a CIG entende que cómpre mobilizarse para conseguir unha Galiza libre de eólica mariña  e  para reclamar un modelo enerxético realmente xusto e sustentábel, que entenda a enerxía como un dereito fundamental da sociedadee dos pobos para ter unha vida digna,  que poña o interese social, o ben público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación.