A CIG subscribe o manifesto reclamando cambios na política internacional con Haití

O documento está asinado por máis de 150 organizacións

Internacional -

Máis de 150 organizacións, entre as que está a CIG, veñen de subscribir un manifesto reclamando cambios na política internacional cara a Haití ante o agravamento do deterioro dos dereitos e das condicións de vida da súa poboación. A crise política tras a negativa de Jovenel Moïse a abandonar a presidencia cando xa rematou o seu mandato e as manobras para manterse no poder teñen afondando a violencia e a pobreza na que vive o país.

En outubro de 2020 púxose en marcha a campaña internacional 'Basta de silencio en Haití', porén, oito meses despois, os abusos, a violencia e as inxustizas denunciadas afondaron: aumentou a pobreza, a fame afecta a máis de 4 millóns de persoas, os secuestros -agravados polas violacións- multiplicáronse e as bandas armadas estenderon aínda máis o seu poder. A inseguridade xeneralizada afecta a todos os sectores da poboación, comprometendo aínda máis o acceso aos servizos sociais básicos, como a educación e a saúde.

Non houbo ningún avance xudicial na investigación das masacres, dos asasinatos selectivos, nin tampouco dos casos de corrupción, mentres novas investigacións confirman a implicación e complicidade do poder. A violencia e a impunidade aliméntanse mutuamente sumando a Haití nun círculo vicioso.

O deterioro dos dereitos e as condicións de vida da poboación vese catalizado pola crise política. O 7 de febreiro de 2021 finalizou o mandato presidencial de Jovenel Moïse, pero negouse a abandonar o poder. A súa intención é seguir á fonte do Estado, o tempo de organizar a toda costa un referendo -prohibido pola constitución- a finais de xuño e eleccións en setembro.

A pesar das mobilizacións masivas dos últimos meses protagonizadas polos movementos sociais e sindicais para esixir o respecto á constitución, a saída de Moïse e unha transición de ruptura, a comunidade internacional segue apoiando ao presidente de facto aínda que carece de lexitimidade e é parte fundamental dos problemas de Haití.

Por iso, no comunicado solicítase á comunidade internacional respecto á soberanía das haitianas e haitianos, denunciando toda inxerencia; que se escoite á sociedade civil que se ten pronunciado contra a celebración do referendo e unhas eleccións que nas condicións actuais non serían nin libres nin democráticas;  apoiar un proceso de transición, baseado na constitución de 1987.

Xunto a isto, ínstase a apoiar o traballo das organizacións haitianas para garantir que as persoas responsábeis das violacións dos dereitos humanos -sobre todo das masacres e o malgasto dos fondos de Petrocaribe- sexan xulgados de maneira xusta e equitativa; e a revisión das políticas aplicadas nos últimos anos e décadas, que contribuíron ao actual estancamento.

Volver