A CIG súmase á campaña da Marcha Mundial das Mulleres por un aborto libre, gratuíto e garantido para todas

Co gallo do Día de acción global polo acceso ao aborto legal e seguro

Nacional -

A CIG, como parte integrante da Marcha Mundial das Mulleres, súmase á campaña que a organización feminista está a desenvolver con motivo da conmemoración este 28 de setembro, do Día de acción global polo acceso ao aborto legal e seguro.

A seguir reproducimos o manifesto da MMM:

Hai 30 anos, celebrábase en Arxentina o V Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe. Tras denunciar que as complicacións polo aborto inseguro e clandestino constituían a primeira causa de mortalidade das mulleres en moitos dos países desa rexión, acordaron declarar o 28 de setembro como o Día de Acción Global polo acceso ao Aborto Legal e Seguro.

Desde entón, moitas organizacións feministas entre as cales está a Marcha Mundial das Mulleres sumámonos á campaña de presión para esixir o dereito a decidir e lograr o dereito á interrupción voluntaria do embarazo para todas as mulleres.

Na Galiza levamos moitos anos denunciando que temos un sistema incapaz de garantir que as mulleres poidamos interromper o nos embarazo na sanidade pública galega, de balde, e acompañadas se así o desexamos"

 Na Galiza levamos moitos anos denunciando que temos un sistema incapaz de garantir que as mulleres poidamos interromper o nos embarazo na sanidade pública galega, de balde, acompañadas se así o desexamos polas nosas amizades ou pola nosa familia dentro dos supostos que marca a lei, ben porque fomos derivadas a outros hospitais doutras comunidades, ben porque non se nos presta a mesma atención que nun parto, instando a administración a que cumpran cos protocolos internacionais e garantan unha atención axeitada ás mulleres.

E aínda que se acolleu de bo grao a iniciativa de que durante a pandemia se permitiron realizar citas telemáticas para axilizar as consultas previas ás interrupcións voluntarias do embarazo, isto só beneficiou ás mulleres que podían facelo sen ter que pasar por procedementos cirúrxicos, e non a aquelas que viron como a demora (ou mesmo parálise) da atención nos centros de saúde, as limitacións adoptadas durante o estado de alarma que impedían que se puideran desprazar entre provincias, supuxeron que superaran os prazos legais, e non puideran poñer fin aos embarazos non desexados de forma segura e privada.

Por outra banda, as restriccións aos servizos de saúde reprodutiva tamén afectaron de xeito desproporcionado ás mulleres con poucos recursos, as vítimas de violencia machista, e outros colectivos en risco como o das mulleres inmigrantes que se atopan en situación irregular.

Hai poucos anos o goberno do Partido Popular no estado pretendía recortar a insuficiente lexislación sobre interrupción voluntaria do embarazo desposuíndo ás mulleres da súa capacidade de decidir, derrogando a chamada lei do aborto. Grazas ás mobilizacións e presións do movemento feminista non foron quen de conseguilo na súa totalidade, mais aínda así, a lei aprobada polo PP supuxo introducir a obriga de contar co consentimento das persoas proxenitoras para as menores de 18 anos.

Hoxe unímonos a milleiros de mulleres do mundo que hoxe mobilizámonos en centos de países para esixir EDUCACIÓN SEXUAL PARA DECIDIR, ANTICONCEPTIVOS PARA NON ABORTAR E ABORTO LEGAL PARA NON MORRER.

Este 28 de setembro retomamos as reclamacións históricas por un aborto libre, gratuíto e que estea garantido na seguridade social para todas nós, logo da reforma do Partido Popular do 2015.

Esiximos tamén que a Xunta de Galiza abandone a súa pasividade e desinterese para asumir as súas competencias e garantir:

  • unha liña de programas de formación e divulgación sobre dereitos sexuais e reprodutivos a través dos CIMM en colaboración coas entidades locais.
  • campañas especificas de acceso a anticonceptivos e programas de educación afectivo sexual a través dos Centros Quérote +
  • unha materia obrigatoria no Ensino con contidos específicos sobre educación afectivo-sexual, relacións, identidade e xéneros.

DEREITO AO ABORTO XA. ESTAMOS FARTAS DE AGARDAR. ABORTO LIBRE E GRATUITO FÓRA DO CÓDIGO PENAL, NA GALIZA E EN TODOS OS PAÍSES DO MUNDO!

Volver