A CIG súmase á campaña pola liberdade de Assange promovida pola Asemblea Internacional dos Pobos

Neste 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos
Internacional - 10 Dec 2020

Coincidindo coa conmemoración do Día dos Dereitos Humanos este 10 de decembro, a CIG únese á campaña da Asemblea Internacional dos Pobos, da que a central sindical fai parte, e da Semana Internacional Anti-Imperialista, para pedir a liberdade de Julian Assange. Neste contexto, a CIG enviou unha carta aberta ao Goberno do Reino Unido, a través do consulado en Galiza e da embaixada do Reino Unido no Estado español, demandado o cese da persecución contra Assange e rexeitando a súa entrega extraordinaria aos Estados Unidos de Norteamérica.

Julian Assange é un preso político. Dende 2010, Julian Assange e Wiki Leaks produciron un corpo de publicacións xornalísticas sen precedentes, destapando crimes de guerra e terríbeis violacións dos dereitos humanos por parte de poderosos Estados. Agora, Assange agarda a decisión dun tribunal de extradición do Reino Unido que pode decidir a súa entrega ás autoridades estadounidenses. Se isto acontece, é probábel que pase o resto da súa vida nunha prisión de máxima seguridade.

Julian Assange é un preso político por erguer a súa voz e denunciar graves abusos dos dereitos humanos. Persoas defensoras dos dereitos humanos, xuristas, xornalistas e defensoras do xornalismo gratuíto, así como defensoras da liberdade de expresión, veñen manifestando o seu apoio a Julian Assange, esixindo a súa liberación e a reclamando dos gobernos dos Estados Unidos e do Reino Unido que cesen a persecución contra del.

A seguir reproducimos o contido da carta remitida pola CIG e convidamos a sumarse a este apoio a través da seguinte ligazón:  https://antiimperialistweek.org/en/free-assange/

Julian Assange debe ser posto en liberdade!

A pandemia da Covid-19 está a poñer en grave perigo a toda a humanidade. A posibilidade dunha saída autoritaria á crise é unha realidade en moitos países do mundo. Fronte ás urxentes necesidades dos pobos - saúde, comida, refuxio, seguridade - os gobernos autoritarios impoñen represión, persecución e silencio.

Nestas horas críticas para a humanidade non podemos permitirnos calar.

Durante máis de dez anos, Julian Assange enfrontouse a unha persecución implacábel porque se negou a calar. O seu traballo xornalístico revelou os terríbeis abusos dos réximes políticos que impoñen terror, xenocidio e destrución para perseguir os seus intereses.

Mentres estes crimes contra a humanidade permanecen impunes, Julian Assange sofre un terríbel castigo por atreverse a falar. O caso legal contra el é un exemplo do uso político das institucións dos Estados contra o interese xeral.

Julian Assange non ve a luz solar desde hai máis de oito anos, sometido a torturas e illamento. Como ocorre con outros presos políticos, este tratamento trata de romper a súa vontade e impor un castigo exemplar, de xeito que outras voces tamén calen. Pero Julian Assange resístese, a pesar das graves consecuencias na súa saúde física e mental. Soporta a arbitrariedade e a inxustiza con dignidade e rebeldía.

Díxolle ao xulgado que decide sobre a súa posíbel extradición aos Estados Unidos: "Non aceptarei que censuren a declaración dunha vítima de tortura ante este xulgado". Somos millóns que non aceptaremos que silencien a súa voz, e tampouco silenciaremos a nosa. Non imos apartar a mirada dos graves abusos aos que está sometido.

Os que apoiamos esta declaración expresamos a nosa solidariedade con el e coa súa familia: coa súa parella, fillos e pais.

Xuntamos a nosa voz con xornalistas de todo o mundo, que saben que a súa profesión será aínda máis perigosa se Julian Assange é extraditado e que a liberdade de expresión e a liberdade de prensa enfrontaranse a persecución aínda máis implacábel.

Xuntamos as nosas voces coas do pobo británico, que presenza con indignación a submisión das súas institucións nacionais aos intereses dunha potencia estranxeira, nunha imposición brutal de extraterritorialidade, sen respecto ao estado de dereito.

Xuntamos as nosas voces cos activistas e defensores dos dereitos humanos, que saben que poderían ser os seguintes en sufrir a arbitrariedade, a persecución e a tortura de estados poderosos que buscan vinganza e non xustiza.

Xuntamos as nosas voces a xuristas de todo o mundo que advertiron das graves irregularidades no proceso xudicial contra Julian Assange e tememos que o estado de dereito sexa ferido de morte se é extraditado.

Pero sobre todo, unimos as nosas voces aos centos de miles de vítimas dos países invadidos, atacados polas forzas militares dos poderosos Estados, a todas as voces silenciadas pola brutalidade da guerra, de todas as vítimas deses crimes, dos que os autores, a día de hoxe, seguen impunes.

Julian Assange arriscou a súa vida e a súa liberdade ao non gardar silencio, ao non aceptar que estes crimes quedasen ocultos e impunes. Nestes tempos escuros, necesitamos voces coma a súa, necesitamos todas as voces que denuncien crimes de lesa humanidade.

Julian Assange non debe ser extraditado, Julian Assange debe ser libre.

A Coruña, 9 de decembro de 2020

Dpto. de Relacións Internacionais da CIG