A CIG súmase á iniciativa "Que ninguén se lucre coa pandemia. Todo o mundo merece protección fronte á Covid-19"

O obxectivo é recoller un millón de sinaturas para que a iniciativa sexa tomada en consideración pola Comisión Europea
Internacional - 23 Dec 2020

A CIG traslada o apoio á campaña “Que ninguén se lucre coa pandemia. Todo o mundo merece protección fronte á Covid-19", a iniciativa de persoas implicadas no sector da saúde e apoiada por múltiples organizacións sociais e sindicais de Europa.

O obxectivo é recoller un millón de sinaturas, tal e como se contempla na normativa vixente para que a Comisión Europea tome en consideración calquera ICE (Iniciativa Cidadá Europea) que pretenda facer emendas ou propostas lexislativas.

Neste caso pídese que, tal e como se contempla no Tratado de Funcionamento da Unión Europea e, en particular, nos seus artigos 114, 118 e 168, se articule a lexislación necesaria para:

  • Poñer durante a pandemia a disposición de todo o mundo a investigación e as tecnoloxías relacionadas coa súa curación. A saúde é un dereito e non deben estar nas mans privadas as decisión sobre o acceso aos tratamentos, as vacinas e os seus prezos.
  • Total transparencia nos custes, contratos, xestión, efectividade, seguridade e contribucións públicas aos medicamentos e vacinas.
  • Control público sobre as tecnoloxías e a investigación que foron desenvolvidas con recursos públicos.
  • Que a pandemia non sexa utilizada para o lucro das grandes compañías farmacéuticas a costa da saúde das persoas, apelando á solidariedade e ao control público dos nosos sistemas de Seguridade Social.

» Asina aquí a iniciativa e accede a máis información