A CIG súmase ao comunicado internacional en apoio á loita dos sindicatos de Francia por un modelo enerxético público

Este martes está convocada unha xornada de folga no sector

Internacional -

A CIG, como membro da Plataforma de Sindicatos por unha Democracia Enerxética  (TUED, polas siglas en inglés), apoia, xunto a outras organizacións sindicais de 20 países de todo o mundo, as  diferentes folgas que veñen desenvolvendo as organizacións sindicais do sector da enerxía en Francia, así como a xornada de loita deste martes 19 de xaneiro, na defensa dun modelo enerxético público e de xestión democrática.

A respecto da xestión da produción de enerxía e os procesos de transición e descarbonización da economía, que tanta afectación teñen en Galiza, a CIG ten presentado diversas iniciativas parlamentares (como as ILP para unha Tarifa Eléctrica Galega ou a de Medidas para a Xestión Pública dos Saltos e Aproveitamentos Hidroeléctricos de Galiza), así como toda unha batería de alternativas e propostas para o noso país (entre elas, a Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade) que figuran recollidas no documento de propostas para unha saída galega xusta da crise.

A seguir reproducimos o contido da declaración sindical internacional:

Solidariedade Internacional cos Sindicatos do Sector Enerxético de Francia

Estendemos a solidariedade internacional os traballadores e traballadoras da electricidade e do gas na Francia que están facendo folga para impedir o desmantelamento da empresa pública nacional EDF e para protexer a integridade do sistema enerxético nacional da Francia.

Nun momento no que a crise sanitaria desencadeada pola pandemia Covid-19 demostrou a necesidade de servizos públicos fortes e resistentes, as federacións sindicais FNME-CGT, CFE- CGC Energies, FO Energie et Mines e FCE-CFDT apelaron á mobilización dos/as traballadores/as do sector para evitar a reestruturación da empresa nacional de enerxía. Apoiada pola Comisión Europea, a reestruturación proposta polo Goberno da Francia prexudicaría a capacidade da EDF de continuar a operar como un servizo público integrado, e comprometería a seguranza enerxética e os empregos.

Unínomos ás nosas compañeiras e compañeiros do movemento sindical francés para recoñecer a emerxencia climática. A idea de que o desmantelamento das empresas públicas de enerxía fará avanzar os obxectivos de enerxía limpa e do clima non está amparada polos feitos.

Hoxe, grandes cantidades de recursos públicos están sendo trasladados ás empresas privadas en nome da descarbonización, mentres o sistema enerxético vese privado dos niveis de investimento necesarios para promover a eficiencia enerxética, reducir as emisións nos transportes e garantir a estabilidade das redes de enerxía.

Solidarizámonos cos sindicatos franceses e seus aliados na defensa da enerxía pública. A batalla para defender a enerxía pública na Francia é parte dunha loita global para defender a enerxía como un ben público e un dereito humano. Cando se organiza con base nos "bens públicos", a enerxía de propiedade pública fornece os mellores medios de proporcionar seguranza enerxética, afrontar a pobreza enerxética, modernizar e actualizar os sistemas enerxéticos e alcanzar as metas climáticas.

Volver