A CIG súmase ás reivindicacións polo Día de Acción global por un aborto legal, seguro e de balde

Insta o Goberno a reformar a lexislación para garantir o exercicio dun dereito pendente de construción

Nacional -

Con motivo da conmemoración este 28 de setembro, do Día de  Acción Global por un aborto legal, seguro e gratuíto, a Marcha Mundial das Mulleres (da que forma parte a CIG) e outros colectivos feministas realizaron diferentes accións na Coruña, Vigo, Pontevedra, Compostela, Ourense, Nigrán e As Pontes e Ferrol para reivindicar o dereito ao aborto libre, seguro e gratuíto como un dereito fundamental das mulleres e aínda pendente de construción. A central sindical insta ao goberno do PSOE a que reforme a actual lexislación par que, por fin, contemple o dereito das mulleres a interromper de xeito libre o seu embarazo na rede pública de saúde e con todas as garantías.

Nas mobilizacións denunciouse a ineficacia do sistema, "incapaz de garantir  que as mulleres poidan interromper o seu embarazo na sanidade pública galega, de balde, desposuíndo ás mulleres mozas da súa capacidade de decisión".

A este respecto, a secretaría de muller da CIG, Margarida Corral, lembrou a tentativa do Partido Popular para recortar a insuficiente lexislación sobre interrupción voluntaria do embarazo que só se puido frear grazas ás mobilizacións e presións do movemento feminista. Aínda así, a lei aprobada polo PP supuxo introducir a obriga de contar co consentimento das/os proxenitoras/es para as menores de 18 anos, mais pola contra non contén nin unha soa medida dirixida a protexer as mulleres.

Corral reivindicou "a necesidade e urxencia de garantir o noso dereito a tomar decisións autónomas e informadas e a acceder aos medios e métodos que aseguren a nosa saúde sexual e reprodutiva na nosa área sanitaria. Somos nós ás que nos compete elixir a nosa orientación e actividade sexual, sobre o número de fillas e fillos a ter e o seu intervalo. E temos dereito a non sufrir violencia ni tratos inhumanos ou degradantes no ámbito sexual e reprodutivo".

Garantir o aborto na rede sanitaria pública

Ante un novo 28 de setembro, a secretaria confederal de Muller da CIG volveu demandar da Xunta de Galiza que poña en marcha as medidas que sexan precisas para garantir que en toda a rede pública sanitaria galega realicen interrupcións voluntarias do embarazo; que se humanice e dote de medios e garanta un parto respectado na sanidade pública, así como o acceso ás técnicas de reprodución asistida ás que desexen ser nais (con independencia de se teñen parella ou da súa orientación sexual) na rede pública de saúde.

De igual xeito, a CIG pide que a información que reciban as mulleres previa á manifestación do seu consentimento non proveña de entidade antiabortistas, senón dos propios servizos de saúde; que se remate coa obxección de conciencia na sanidade pública; e se reforce o papel dos Centros de Orientación Familiar xunto co desenvolvemento do Programa de Saúde da Muller en Galiza.

A central sindical defende tamén que a educación sexual e reprodutiva, que teña en conta a diversidade afectivo/sexual, debe  formar parte do currículo académico desde o ensino medio e a necesidade de realizar periodicamente campañas formativas e informativas sobre métodos anticonceptivos nos centros de ensino superior e universitario. E que restitúa o dereito das mozas a elixir se queren interromper o seu embarazo, xa que só a elas lles compete esta decisión.

"Seguiremos loitando polos nosos dereitos"

"As mulleres seguiremos loitando mentres non sexamos quen de acadar o dereito a decidir sobre os nosos corpos. Esiximos ao goberno do Partido Popular na Galiza e ao goberno do PSOE no Estado que garantan os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos", aseverou Corral.

“Non imos deixar de loitar polo recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, de pular pola liberdade e autodeterminación en relación á nosa sexualidade e sobre a libre decisión da nosa maternidade.  Esiximos ao novo goberno no estado a que reforme a actual lexislación e dunha vez por todas contemple o dereito das mulleres e interromper de xeito libre e seguro o seu embarazo na rede pública de saúde, con todas as garantías”.

Volver