CIG-Telefónica reclama a negociación transparente do convenio e un plan de emprego para Galiza

Denuncian a concentración e centralización do cadro de persoal en Madrid e Barcelona
A Coruña - 04 Xul 2019

A sección sindical da CIG en Telefónica realizou unha concentración este xoves ás portas da central do Montiño (A Coruña) para esixir información sobre as negociacións do novo Convenio de Empresas Vinculadas (CEV), das que está excluída a representación da central nacionalista. Así mesmo, con esta protesta a sección sindical reclama un plan de emprego territorializado que garanta que, cando menos, o 7% do cadro de persoal está en Galiza e que teñamos "todas as capacidades necesarias para a produción de telecomunicacións", o que implica dispor dunha estrutura organizativa propia.

O secretario da sección sindical, Antonio Benigno Lima, explica que neste momentos se está a negociar o II Convenio de Empresas Vinculadas, un acordo marco que afecta ao persoal das tres grandes divisións da compañía: Telefónica España, Telefónica Móviles e Telefónica Solucións. Porén nesta mesa só están presentes CCOO e UGT, sendo excluída o resto da representación sindical que existe na empresa. A este respecto, Lima critica a actuación de ambas organizacións nestas negociacións "que participan activamente no desmantelamento das condicións laborais en Telefónica".

Axuste do cadro de persoal

A degradacións das condicións laborais, advirte, vai parella á concentración e á centralización do cadro de persoal, principalmente en Madrid e Barcelona, e ao traslado dos centros de decisión, de maneira que nestes intres Telefónica-Galiza conta con arredor de 800 traballadores/as (428 na Coruña, 258 en Pontevedra, 82 en Ourense e outros/as tantos en Lugo) e depende da dirección territorial de Bilbao.

"A empresa está executando o convenio conxuntamente cun axuste de persoal e no último CEV meteu un plan de suspensión de emprego individual que na práctica é un ERE fradulento, xa que con esta fórmula Telefónica pode beneficiarse de bonificacións fiscais para despedir, pero evita ter que presentar un expediente de regulación que resultaría inxustificábel nunha compañía que obtén beneficios multimillonarios", denuncia Lima.

Neste senso, advirte que a negociación do II CEV pode levar a unha importante destrución de postos de traballo nos centros galegos,  posto que dos/as 800 traballadores/as, 600 teñen 50 anos ou máis. "A perspectiva desta negociación é a liquidación do emprego en Telefónica en Galiza, unha realidade que dende a CIG vimos denunciando dende anos. Se se executa o mesmo modelo que no ano 2015, o emprego cualificado en Telefónica Galiza desaparecerá".

A CIG reivindica que o 7% do emprego estea en Galiza

Fronte a isto, a sección sindical da CIG reivindica un plan de emprego territorializado (tal e como se establece no CEV) no que se definan as prazas, as categorías, as localidades e as actividades a desenvolver. "Telefónica está incumprindo o propio convenio, ao non elaborar ese plan. E faino co consentimento de CCOO e UGT, porque facer ese plan suporía pór en papel o que a CIG denuncia: que en Galiza non hai reposición de traballadores/as porque todo o persoal novo que entra faino, principalmente, nos centros de Madrid e Barcelona".

De feito, chama a atención que nunha división con tanto peso como Telefónica Móviles, Galiza só teña o 1,5 % do total de traballadores/as no Estado, un volume de emprego que non se corresponde co peso poboacional e do PIB galego. "A reivindicación cuantitativa da CIG é un 7% do persoal no noso país, porque Galiza consume servizos de telecomunicacións e ten dereito a producir o que necesita consumir". Xunto a isto, dende a sección sindical reclaman non só traballo cualificado dentro de Telefónica, senón que se inclúa persoal operativo e de dirección para crear unha estrutura de mando propia con capacidade territorial.

Problema laboral e económico

"Temos dereitos a producir, dereito a traballar e a ter servizos no propio idioma, dereito á seguridade e a un subministro do servizo adecuado e dereito a que a actividade de Telefónica repercuta positivamente na economía de Galiza", afirma Lima. Subliña que hai realidades económicas únicas na nosa terra como as áreas metropolitanas de Vigo e da Coruña-Ferrol, "onde existe unha actividade económica e laboral (automoción, naval, téxtil, etc.) que require de prestacións telefónicas axeitadas, con proximidade física e o deseño de servizos específicos".

Reitera Lima que o desmantelamento de Telefónica non é unha cuestión soamente laboral, senón que incide directamente na economía e no conxunto da sociedade galega. Por iso, apela á responsabilidade da Xunta para que interveña ante as malas perspectivas do emprego nas telecomunicacións na Galiza e o necesario control "dos cuantiosos recursos dos orzamentos públicos entregados a empresas privadas que desprezan o país, o seu idioma e o seu desenvolvemento económico e tecnolóxico".