A CIG quere trasladar toda a súa solidariedade e apoio ao pobo venezolano ante a terríbel catástrofe sufrida debido á forte serie de terremotos que sacudiron o país desde a tarde de onte (medianoite na Galiza) e que deixaron numerosos derrubes e importantes danos estruturais, así como 235 vítimas mortais e numerosas persoas feridas.
O goberno da República Bolivariana de Venezuela declarou o estado de emerxencia e suspendéronse todas as actividades non esenciais dada a magnitude da catástrofe, que afectou a servizos básicos como a subministración eléctrica, a auga, o gas ou os servizos de transporte. As autoridades non descartan que a actividade sísmica continúe durante as próximas horas.
A terríbel catástrofe, dunha dimensión aínda por calcular, deixou xa 235 vítimas mortais e cerca de 4.300 persoas feridas, polo que a CIG expresa a súa condolencia e apoio ás persoas afectadas e ao conxunto do pobo venezolano.